A USC impulsa unha plataforma para que a cidadanía aporte o seu xeito propio de falar en galego

luns, 24 de maio do 2021 S. P.

A investigadora e profesora Elisa Fernández Rey

As novas tecnoloxías están no punto de mira de institucións, entidades, organizacións e grupos de investigación preocupados polo devalo do galego entre as novas xeracións e os ámbitos máis urbanos. Tamén está no punto de mira da Universidade de Santiago, por ser estas ferramentas onde principalmente se comunican e comparten información os colectivos onde o galego máis precisa coller impulso para seguir sendo unha “lingua viva”. Precisamente Lingua viva é o nome da plataforma impulsada por investigadoras e investigadores da USC para “que os cidadáns se impliquen e aporten o seu xeito particular de falar en galego”.

Programa Sumo Valor

A iniciativa ten a súa orixe no programa de micromecenado Sumo Valor, unha proposta da Vicerreitoría de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade, co respaldo do Consello Social da USC, presidido por Cecilia Sierra. Unha das liñas deste programa céntrase no apoio a actividades de investigación, facendo así partícipe á sociedade en proxectos científicos propios da Universidade de Santiago. Empresas e particulares poden colaborar con estas investigacións mediante microdoazóns por valor non superior aos 3.000 euros, xa sexa unha cantidade monetaria ou un ben. As doazóns poden realizarse a través da páxina web do programa.

Os porqués da proposta

Un dos proxectos que poden recibir financiamento dentro desta liña de micromecenado é o coordinado pola profesora Elisa Fernández Rey desde o Instituto da Lingua Galega (ILGA). Baixo o título Lingua viva, preténdese poñer en marcha unha plataforma que permita recoller o patrimonio lingüístico galego mediante un método colaborativo coa cidadanía, é dicir, que todos os cidadáns poidan participar fornecendo o seu coñecemento lingüístico.
“O noso propósito é crear un espazo que reúna as doazóns lingüísticas dos falantes do galego vivo”, sinala a investigadora, engadindo que “a plataforma incorporará distintas vías para levar a cabo a recollida do legado lingüístico, que pode ir desde a doazón de palabras e expresións ata o envío de audios ou vídeos, conversas de Whatsapp ou a participación en experimentos de produción ou percepción lingüística”.
Segundo fai saber, a intención é que a cidadanía achegue información, pero que “tamén poida comprobar até que punto muda a fala segundo distintos parámetros”. Na súa opinión, “as linguas están vivas porque están en continuo movemento e cambio, e precisamente iso é o que as converte en instrumentos tan eficaces para nos entendermos e nos comunicarmos”.
Segundo engade a investigadora, “o recurso ofrecerá visualizacións dos datos que se vaian achegando, co fin de que as persoas que doan coñecemento lingüístico teñan un retorno e poidan ver como a súa doazón contribúe e enriquece a presentación dos datos en gráficos, mapas ou outros métodos de visualización”.

Finalidade última

A finalidade do proxecto Lingua viva é conformar “un corpus amplo que represente de maneira axeitada a variedade do galego vivo en todas as súas expresións, contribuíndo a que a xente tome conciencia da riqueza que supoñen as linguas, que se recoñeza o valor que representa unha lingua viva”. Ademais, a partir dos datos recollidos, a idea é poder realizar unha serie de investigacións de utilidade nos eidos lingüístico, sociolingüístico, da análise do discurso, etc. “Sería un xeito de facer visíbel e poñer en valor o patrimonio lingüístico do galego actual”, apunta a investigadora, engadindo que se vai poñer o foco “non tanto en salvagardar aspectos da lingua que se van perdendo senón en resaltar a capacidade de comunicación e expresión da lingua que creamos e conformamos cada día cando falamos.”

A investigación lingüística ten cada vez máis relevancia

Elisa Fernández fai saber que “a investigación no eido da comunicación en xeral e da lingüística en particular ten cada vez máis importancia nun mundo no que se comunica tanto a través de tantos medios distintos, usando moitas veces tecnoloxías que están en continua mudanza”. Neste senso, é unha realidade que “movemos grandes volumes de información usando a lingua, de xeito que estas investigacións pódennos axudar a xestionar mellor a información e a aprender máis de como nos comunicamos para entendernos mellor”.
Ao seu ver, “é fundamental que os cidadáns se animen a participar tamén nas investigacións de carácter lingüístico a través de pequenas doazóns económicas porque a lingua é de todos, é un ben que nos pertence a todos por igual e os resultados destes proxectos representan un beneficio para o conxunto da sociedade”.

PUBLICIDADE