A USC impulsa un congreso para amosar como mudaron coas TIC os nosos xeitos de traballar

luns, 4 de abril do 2016 Fernando Sarasketa

Un dos desafíos máis importantes do Dereito de Traballo na actualidade é adaptar o seu radio de acción ás novas contornas laborais xurdidas ao abeiro das novas tecnoloxías da información. Sobre todo no que se refire a dar axeitada resposta á gran cantidade de problemas xurídicos que implican estes “fondos cambios sociais, tecnolóxicos e laborais”. Así nolo conta a Universidade de Santiago (USC), que para avaliar estas cuestións e axudar na solución rendíbel dos ditos retos vai organizar os vindeiros días 14 e 15 de abril un congreso internacional específico sobre Dereito de Traballo e TIC. Colaboran no evento a Asociación España de Dereito do Traballo (AEDTSS) e e a Asociación Internacional para o Estudo Internacional e Comparado do Dereito do Traballo e das Relacións Industriais (ADAPT). Participarán profesionais de Reino Unido, Francia, Alemaña, Italia, Polonia, Arxentina e España.
Entre os múltiples cambios e transformacións tecnolóxico-laborais que se van expoñer e estudar no congreso figuran cousas como as novas formas de traballo colectivo (fórmulas como a da sharing economy e as súas ramificacións crowd employment, dixital platform employment ou collaborative employment) ou os recursos e metodoloxías achegados para axudar ao novo emprendedor individual dixital, recursos como ICT mobile work, casual work, voucher based work ou o portafolio work. Segundo informa a organización do evento a conto das motivacións do mesmo, “diversos estudos de organismos internacionais acreditan o xa imparábel xurdir de novas modalidades de traballar e relacionarnos socialmente”. En definitiva, debullaranse polo miúdo os retos actuais do clásico Dereito do Traballo en materia tecnolóxica, sobre todo “a efectos de poder dar axeitada resposta a estes desafíos” e emprestando especial atención a estas “emerxentes formas de traballar”.
Os co-organizadores do congreso desexan convidar “a todos os interesados na materia” a participar activamente, ben asistindo ás conferencias e debates, ben achegando un traballo específico relacionado coa temática dalgunhas dos relatorios. “Sen dúbida”, engaden os impulsores da xuntanza, “a participación activa será esencial para comezar a reflexionar dunha maneira seria e ordenada sobre a profundidade das últimas e futuras transformacións laborais”.

PUBLICIDADE