A USC enxalza as mulleres tecnólogas e emprendedoras nos premios Innovatia 8.3

luns, 8 de outubro do 2018 Redacción

O reitor Antonio López con carmen Álvarez, unha das promotoras de HGBeyond/ Imaxe de Alberto Carrasco

O Instituto da Muller e para a Igualdade de Oportunidades e maila Universidade de Santiago entregaron hoxe en Madrid os premios da primeira edición do Concurso Innovatia 8.3, que se dirixe a visualizar e recoñecer as mellores iniciativas de alicerce tecnolóxico impulsadas por investigadoras e/ou emprendededoras. Pois ben, os galardóns foron dar a HGBeyond e Frame, as dúas iniciativas lideradas por mulleres e creadas co apoio das súas universidades, as de Santiago de Compostela e Carlos III de Madrid. As distincións entregáronas a secretaria de Estado de Igualdade, Soledad Murillo de la Vega, e o reitor da USC, Antonio López Díaz.
A santiaguesa HGBeyond, gañadora na modalidade de iniciativa empresarial de base tecnolóxica, xurdiu en 2015 como unha spin-off da USC para “explotar e comercializar resultados relevantes do grupo de Investigación I+D Farma e desenvolver solucións biosanitarias, con aplicación directa na industria oftálmica”. Máis polo miúdo, desenvolve lentes de contacto con capacidade para tratar doenzas oculares, como procesos inflamatorios e de alerxia, ademais de glaucoma ou enfermidades relacionadas coa diabetes. Este premio está dotado con 10.000 euros e asesoramento personalizado durante seis meses por unha profesional referente no sector.
Pola súa banda, na categoría de startup e cun premio de 7.000 euros e asesoramento de tres meses, a galardoada foi Frame, nada no seno da Universidade Carlos III de Madrid. A súa tecnoloxía é un sistema de drons equipados con intelixencia artificial, prontos para despegarse tras calquera catástrofe, que se coordina de maneira autónoma durante o voo para rastrear unha zona afectada. O resultado, segundo informa a USC, é un mapa pos-desastre no que se indican as vías de evacuación, os cambios nas infraestruturas e os núcleos de poboación afectadas.
As dúas iniciativas foron elixidas de entre un grupo de finalistas no que ademais figuraban Applynano Solutions S.L. (Universidade de Alacante) e Tastelab S.L. (USC), na modalidade de base tecnolóxica, e Minervas Voice, S.L. (USC) e Mundoarti Global SL: Competicións de arte (Politécnica de Valencia), na de startups.
No acto de hoxe, celebrado na sede da Secretaría de Estado de Igualdade, o reitor compostelán lembrou que a USC foi “pioneira en España na súa aposta polo apoio ao emprendemento das mulleres”, sabendo que son maioría nas aulas e que son xeradoras dos mellores expedientes académicos formando un capital intelectual que a sociedade non debe desaproveitar”. A este respecto, subliñou que a USC lidera Innovatia 8.3, un movemento de ámbito estatal para integrar a perspectiva de xénero nos procesos de transferencia de coñecemento e de creación de empresas de alicerce tecnolóxico.

PUBLICIDADE