A USC enche YouTube de videotitoriais sobre eLearning e triplica a capacidade do seu Campus Virtual

venres, 20 de marzo do 2020 Fernando Sarasketa

A Universidade de Santiago está a despregar esta semana importantes esforzos para manter a súa actividade docente, divulgadora, investigadora e integradora a través das posibilidades actuais que ofrece a conectividade. Entre estas medidas atópanse os videotitoriais para o profesorado que elabora o Centro de Tecnoloxías para a Aprendizaxe da USC (orientados a permitir que o corpo docente poida desenvolver as súas clases de xeito telemático), o reforzamento das capacidades do Campus Virtual (que se triplicaron) e a organización de eventos previstos na axenda en formato plenamente online, como por exemplo o Congreso Internacional Innovación e Economía Circular.
Videotitoriais
A canle oficial de YouTube da USC está a acubillar estes días de confinamento e restricións á actividade presencial (por mor do COVID-19) distintos audiovisuais de aprendizaxe e divulgación, de natureza práctica sobre como construír aulas virtuais. Este material elaborado dende o Centro de Tecnoloxías para a Aprendizaxe (CeTA) está dirixido ao persoal docente e investigador para impartir as súas materias de modo telemático. Nas pezas móstrase, nun plano máis específico, como se pode acceder ao Campus Virtual dende a páxina web da USC ou, tamén, como modificar a visibilidade dunha aula e como organizala de maneira axeitada.
Máis e mellor Campus Virtual
Estes días, a Universidade de Santiago triplicou a capacidade do seu Campus Virtual e puxo en marcha novas ferramentas e aplicacións que permiten continuar coa actividade académica de xeito non presencial. En palabras da USC, trátase de dar continuidade e amplificar algo que estudantes e docentes xa viñan facendo (empregar os recursos do campus online), convertendo a Rede nunha “pasarela acaída para sortear as limitacións da actual conxuntura”. Para a institución educativa, esta conectividade, acompañada da imprescindíbel disciplina individual, “unha oportunidade para completar con éxito un ano académico afectado de xeito excepcional e singular por un problema de saúde pública con nome de virus”.
Co fin de garantir estes obxectivos, a Xerencia da USC habilitou unha partida orzamentaria específica destinada a costear a ampliación da capacidade do Campus Virtual da USC e as novas ferramentas virtuais. A medida demandou, ao tempo, unha carga de traballo engadida para o persoal da Área TIC e do Centro de Tecnoloxías da Aprendizaxe (CeTA) da USC.
Deste xeito, a capacidade do Campus Virtual da USC triplicouse ao pasar de 1,5 TB a 5 TB.
Congreso en liña
O Congreso Internacional Innovación e Economía Circular, promovido polo grupo Innovación, Cambio Estrutural e Desenvolvemento (ICEDE) do Departamento de Economía Aplicada da USC xunto coa Rede de Investigación en Innovación (RRI), desenvolverase de xeito virtual do 25 ao 27 de marzo, a fin de “adaptarse aos requirimentos do actual estado de confinamento que afecta a varios países de Europa por mor do COVID-19”. As datas e o lugar de celebración iniciais eran o 27 e o 28 de marzo na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC.
A institución académica compostelá indica que “a celebración deste congreso en modalidade virtual antóllase como unha solución innovadora diante dunha situación excepcional que é viábel grazas ao apoio técnico prestado pola Área TIC-multimedia da USC”. Así, as sesións previstas celebraranse a través dunha plataforma virtual á que poderán acceder todas aquelas persoas participantes que estean inscritas.

PUBLICIDADE