A USC e a UDC desenvolven un dispositivo portátil que identifica ás persoas pola retina

martes, 5 de maio do 2009 Raquel Noya

Cantas veces non temos visto nas películas de ficción (sobre todo nas do “Superaxente 007”) un sistema de apertura de portas ou de acceso a determinados ordenadores de máxima seguridade que funciona pasando un raio láser polo ollo do usuario? Este tipo de identificación pola imaxe da retina é algo do que xa temos oído falar moitas veces pero do que non sabemos demasiado sobre a súa utilidade real e custe óptimo.
Porén agora podemos saber algo máis deste tipo de tecnoloxía de ficción feita realidade a partir dun proxecto que están a levar a cabo conxuntamente a Universidade de Santiago de Compostela e máis a Universidade da Coruña, que consiste no deseño dun trebello para a identificación de persoas pola súa retina único e fiable, que se basea na captura da imaxe do ollo cunha cámara especial que obten a estrutura da árbore arteriovenosa do ollo.
O Grupo de Visión Artificial da USC e o Grupo de Visión Artificial e Recoñecemento de Patróns da UDC, son as entidades académicas que uniron os seus esforzos para avanzar no desenvolvemento deste sistema de identificación de persoas innovador que autentifica aos usuarios reais a partir das imaxes da retina, que nunca se poden falsificar.
O procedemento, segundo explica o coordinador do proxecto na USC, o profesor David López Vilariño, consiste, en primeiro lugar, en capturar a imaxe do ollo cunha cámara especial, coa que se obteñen retinografías, é dicir, fotografías dixitais en cor do fondo do ollo “que son únicas no mundo e imposibles de falsificar”.
O investigador engadiu que “os puntos de corte e as bifurcacións dos vasos sanguíneos son aspectos relevantes e exclusivos de cada individuo”, polo que podemos afirmar que deste proceso se obtén unha información moi complexa de analizar e útil para evitar suplantacións de personalidade nun momento dado.
O profesor López Vilariño indicou asemade que “a partir da imaxe da retina obtense só a estrutura da árbore, o que representa unha operación moi custosa”; Ademais”, engadiou, “adoita facerse cun ordenador, de xeito que o proceso resulta bastante lento, mentres que os investigadores da USC baséanse en chips fabricados ou configurados para esta tarefa, co que se gaña en prestacións”.
A segunda parte do proceso, é dicir, a obtención dos puntos de corte e a bifurcación dos vasos sanguíneos para identificar aos individuos, é máis rápida, xa que require procesar un volume de información moito máis reducido.

Sistema destinado a instalacións de alta seguridade
O equipo da Universidade de Santiago desenvolveu un algoritmo diferente aos que se usan na actualidade para obter a estrutura da árbore arteriovenosa do ollo, xa que delimitan os vasos sanguíneos polas paredes externas, en lugar das paredes internas como se fai habitualmente. “Isto permítenos obter un sistema de identificación máis robusto, xa que podemos procesar as imaxes da árbore por separado a través de procesadores celulares”, explica López Vilariño.
Así, os investigadores parten a imaxe en varios anacos e recuperan os resultados de cada un deles, o que lles permite conformar o resultado final de xeito rápido.
Na actualidade o equipo da USC está a centrar os seus esforzos en lograr reducir o custe do sistema. Nesta liña, tratan de adaptar o algoritmo e o hardware a un sistema reconfigurable.

PUBLICIDADE