A USC convoca a edición catorce do seu certame de iniciativas empresariais innovadoras

mércores, 26 de marzo do 2014 Redacción

A Universidade de Santiago de Compostela, a través do seu programa de creación de empresas Uniemprende, vén de convocar a edición número catorce do seu Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores (bases en PDF). O obxectivo do certame, unha vez máis, é o de impulsar a creación de iniciativas de mercado creativas que abran novos nichos de actividade ou marquen as diferenzas con respecto a desenvolvementos previos, xeralmente ligadas á tecnoloxía e ao coñecemento. Vai dirixido a estudantes, titulados/as e/ou investigadores/as de calquera das tres universidades galegas, así como dos centros asociados da UNED emprazados en Galicia.
Segundo informa a USC, as persoas interesadas en participar neste concurso poderán presentar as súas respectivas propostas ata ao 30 de abril de 2014, para o que deben cubrir o formulario en liña xa dispoñíbel. A Universidade puxo a disposición das e dos potenciais candidatas/os formación gratuíta para elaborar o plan de empresa durante o vindeiro mes de abril.
As bases do XIV Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores da USC establecen, do mesmo xeito que na pasada edición, tres modalidades de concurso. Os proxectos galardoados en cada unha das categorías recibirán cadansúa gratificación en metálico por importe de 2.000 euros. Daquela, o autor ou autores/as do proxecto de empresa innovadora distinguido na modalidade de empresa de base tecnolóxica, percibirán un premio de 2.000 euros, ademais de ter a posibilidade de acadar ata 24.000 euros de financiamento a través dun préstamo participativo. Os premios Empresa Xove e Muller Emprendedora tamén contarán nesta edición con cadansúa dotación económica de 2.000 euros.

PUBLICIDADE