A USC ampliará a súa colaboración tecnolóxica con Xordania

luns, 29 de xullo do 2019 Redacción

A Universidade de Santiago e a Universidade Tecnolóxica Princesa Sumaya de Xordania van ampliar a súa colaboración no ámbito da investigación TIC, unha cooperación que vén de lonxe e que foi cualificada de “estreita” e “frutífera” polas dúas entidades. Así o deron a coñecer os responsábeis das institucións académicas o pasado venres, no pazo de San Xerome (Santiago), no marco dunha estadía en Santiago do presidente da universidade xordana, Mashhoor Al Refai, e dunha delegación da dita institución.
Amais de nesta xuntanza na reitoría, tiveron ocasión de visitar as instalacións dalgúns do centros científicos singulares da USC, a fin de coñecer de primeira man os seus servizos e as liñas de I+D+I nas que están a traballar e nas que se poderían aumentar as colaboracións entre as dúas universidades.
A comitiva da Universidade Tecnolóxica Princesa Sumaya, unha institución académica ligada á Real Sociedade Científica de Xordania (o principal centro de investigación aplicada do país, altamente especializado en áreas relacionadas coa informática, as comunicacións ou a electrónica), trasladou aos responsables académicos da USC o seu interese por ampliar a colaboración entre as dúas institucións no eido das investigacións tecnolóxicas.
O fomento de teses de doutoramento co dirixidas por profesorado da USC e da citada universidade xordana e a posta en marcha de diversas iniciativas para que estudantes xa graduados en Xordania poidan completar estudos de mestrado na USC son algunhas das propostas abordadas na xuntada de traballo que mantivo este venres a delegación xordana co reitor da USC.

PUBLICIDADE