A USC adhírese á principal plataforma mundial de divulgación do coñecemento: The Conversation

xoves, 24 de decembro do 2020 Redacción

Un recanto de traballo tecnolóxico na USC/ Imaxe de Santi Alvite

A Universidade de Santiago vén de adherirse á que pasa por ser, en palabras da USC, a plataforma máis referencial do mundo en materia de divulgación do coñecemento: a plataforma The Conversation, que conta na súa base de datos con 113.900 autores procedentes de 3.713 universidades e centros de investigación internacionais.
En virtude desta adhesión, o persoal docente e investigador e o alumnado de doutoramento da USC poderán escribir na vertente española da plataforma divulgativa (The Conversation España, TCES) sobre asuntos relacionados co seu campo de especialización.
Nada en Australia, The Conversation conta con edicións en Estados Unidos, Reino Unido, Canadá, Francia, Indonesia e África, ademais da edición en español, que se lanzou no verán de 2018 e en só dous anos publicou máis de 3.300 artigos e logrou máis de 95 millóns de lecturas, sumando a audiencia da súa web e a republicación dos artigos nuns 200 medios de comunicación españois e latinoamericanos.
Constituída como asociación sen ánimo de lucro con vocación de servizo público, sen publicidade comercial, e de acceso libre e gratuíto, The Conversation España conta xa co apoio de 53 institucións académicas e científicas e fundacións.

PUBLICIDADE