A USC acolle un curso sobre virtualización de obxectos con nubes de puntos

xoves, 5 de xullo do 2012 Redacción

A Universidade de Santiago vai organizar a mediados de xullo unha acción formativa sobre unha das metodoloxías de meirande proxección, hoxe, para os ámbitos de traballo nos que se busque trasladar o plano real ao dixital. Trátase da técnica de virtualización de obxectos mediante nubes de puntos, un recurso usado en disciplinas como a documentación patrimonial, a arquitectura, a escultura, a xeomorfoloxía, a enxeñaría, a medicina, a veterinaria ou a animación 3D entre outras.
A actividade en cuestión, as III Xornadas Técnicas de Virtualización de obxectos mediante nubes de puntos con Photomodeler Scanner, desenvolverase na Facultade de Medicina e contará coa participación de Santiago Martínez, Juan Ortiz, Mariluz Gil e Jacobo Rodríguez, do grupo de investigación para a Documentación en 3D (USCAN3D) e Jorge Cueli de Punto Arquitectura.
O curso, informa a Universidade de Santiago, está configurado arredor de dous módulos, un primeiro con coñecementos básicos sobre esta ferramenta e un segundo xa para proporcionar a capacidade de obter nubes de puntos mediante técnicas de baixo custe. Cada estudante empregará a súa propia cámara, trípode e portátil, así como a demo do software que se lle proporcionará. De orientación práctica, non son necesarios coñecementos previos de fotogrametría para alcanzar os obxectivos previstos.

PUBLICIDADE