A USC acolle en setembro un curso de verán sobre narrativas dixitais

mércores, 15 de xullo do 2015 Redacción

As narrativas dixitais como soporte de produtos comunicativos e culturais centrarán un curso de verán que se desenvolverá do 1 ao 6 de setembro en Ciencias da Comunicación organizado polo proxecto campUSCulturae. O prazo de matrícula remata o 21 de agosto. Dende o punto de vista temático, o curso artéllase en varias xornadas. A primeira adicarase ao xornalismo de datos coa participación das xornalistas Mar Cabra e Karma Peiró. No segundo día, Xaquín González Vieira e Rafa Hör reflexionarán sobre a visualización de datos.
A terceira sesión tratará a interactividade como ferramenta artística, o xornalismo colaborativo e o viral, para rematar cunha mesa redonda sobre as tendencias do xornalismo dixital na que, moderada por Borja Echevarría, intervirán representantes de El Español, El Confidencial LAB e El Extrarradio. Os tres últimos días centraranse nos docuwebs e as series transmedia, os especiais interactivos e na presentación do Hackathon campUSCulturae sobre diversidade, inclusión e minorías. Os responsábeis deste curso de verán recomendan aos participantes acudir con computador de seu e cámara de fotos a fin de participar nas diversas actividades prácticas previstas.

PUBLICIDADE