A USC achega este xoves unha serie de claves para levar á nosa empresa TIC até o máis alto

mércores, 21 de setembro do 2011 Fernando Sarasketa

Exterior do Centro de Estudos Avanzados, na finca de Vista Alegre, en Santiago

Este xoves 22, as persoas que neste intre teñan entre mans un proxecto tecnolóxico viábel e precisen financiamento, ou, mellor dito, portas nas que petar á procura de financiamento, teñen unha cita obrigada en Compostela, máis polo miúdo no Centro de Estudos Avanzados (na finca de Vista Alegre), sede da xornada de traballo Investment Rediness. A busca de financiamento das empresas tecnolóxicas. O encontro, organizado pola Universidade de Santiago en colaboración coa Xunta, vai especialmente dirixida a emprendedores, persoal técnico de apoio empresarial e profesionais ligados ao eido do investimento privado. Na xornada intervirá, entre outros relatores, María Antonia Otero, conselleira de Jazztel.
Entre outras cousas, a cita servirá para pór sobre a mesma unha serie de consellos e ideas de valor sobre que pasos seguir de querer levar a bo porto o noso proxecto de empresa tecnolóxica.
O encontro, promovido polos programas Inberso e Woman Emprende, abrirase ás 10.00 horas da man do vicerreitor de Investigación e Innovación, Francisco González;, estando prevista ademais a asistencia da secretaria xeral de Igualdade, Marta González; do director xeral de I+D+i, Ricardo Capilla, e do director do programa Uniemprende, Carlos Hernández.
Logo da introdución que realizará o director para a Península Ibérica de Inberso, Alfredo Bermúdez de Castro, comezará a quenda de intervencións cun relatorio da conselleira de Jazztel e presidente da Innotarget, Mª Antonia Otero, reflexionando sobre Que valor a persoa inversora á hora de analizar un proxecto?.
A xornada reunirá persoas expertas e investidores que orienten e acompañen os emprendedores no proceso de procura de financiamento privado. “O encontro”, sinala a USC, “tamén abordará novas formas de crear empresas, atendendo a criterios socialmente responsables e o liderado feminino a través da experiencia de mulleres que tiveron un papel indispensable no desenvolvemento das organizacións que lideran”.
Xa nun eido máis específico, dicir que entre os moitos temas a tratar haberá un par deles que nos tocan ben de preto, pola súa natureza tecnolóxico-dixital, como por exemplo as medidas a tomar para facérmonos un oco en Silicon Valley, o berce da industria TIC tal e como a coñecemos.

PUBLICIDADE