A UNED retoma con oito expertos o seu Seminario de Intelixencia Artificial en Ourense

venres, 26 de febreiro do 2021 S. P.

Sede do Centro de Intelixencia Artificial de Ourense, en La Molinera

A UNED, a través do seu Centro Asociado en Ourense, reinicia o seu Seminario de Intelixencia Artificial na cidade coa achega dunha segunda fase composta de oito relatorios con outros tantos expertos na materia. As sesións emitiranse a través de internet desde o Centro de IA de Ourense, ao abeiro do seu ciclo Os Venres con Intelixencia Artificial, sempre a partir das 12.00 horas. Este seminario conta co apoio económico do Vicerreitorado de Investigación e Transferencia do Coñecemento. A primeira sesión está prevista para o 5 de marzo, titulada Extracción de Información no dominio médico, coa catedrática Lourdes Araujo.
O venres 12 de marzo falará o profesor David Moreno Salinas co tema Intelixencia Artificial e ciencia de datos para a identificación e modelado de vehículos autónomos. Afondará, en detalle, nas posibilidades que se abren con este tipo de vehículos, que están a implantarse en múltiples áreas tanto industriais e de transporte como de lecer, empregando un importante compoñente de sensórica e algoritmos de IA, e ao mesmo tempo, afrontando importantes retos. Por exemplo o desafío de conseguir que o modelado e a identificación sexan especialmente precisos. Destes e outros retos falará o profesor e investigador David Moreno.
Para o 26 de marzo está fixada a intervención da profesora Ángeles Manjarrés, que falará de Intelixencia Artificial e Axenda 2030. Analízase desde unha perspectiva crítica a potencial contribución das tecnoloxías intelixentes á satisfacción dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentábel de Nacións Unidas, e presentaranse ferramentas, metodoloxías e técnicas de soporte ao desenvolvemento de aplicacións coherentes con este propósito.
Pola súa banda, Andrés Duque Fernández, exporá o tema Tradución automática. Evolución histórica, aproximacións actuais e desafíos abertos, sesión prevista para o 9 de abril.
Seguiralle neste seminario da UNED o profesor Enrique Carmona, quen o 16 de abril disertará sobre Algoritmos evolutivos e as súas aplicacións. Realizará unha introdución aos algoritmos evolutivos, xunto cunha descrición de diferentes aplicacións destes recursos tecnolóxicos levadas a cabo no grupo de investigación SIMDA.
O 23 de abril poderase escoitar a Ana García Serrano co tema Procesamento da linguaxe natural nas humanidades dixitais.
Ademais, a predición automática de indicadores COVID con Intelixencia Artificial será o tema proposto por J. L. Aznarte, o 30 de abril. Nesta charla presentará o traballo realizado no proxecto PreCoV2 xunto á empresa Inverence. Neste proxecto desenvolvéronse modelos de predición para catro dos indicadores fundamentais da pandemia: casos confirmados, hospitalizacións, ingresos en UCI e decesos. Estes modelos, nos que se aplica un enfoque bayesiano para series temporais, están a ser usados polas autoridades para prever a evolución da pandemia con até 48 horas de antelación.
O seminario rematará o 7 de maio, coa intervención da profesora Olga Santos e o seu relatorio Intelixencia Artificial no Deporte. Ao abeiro da súa intervención analízase a situación actual en relación ao desenvolvemento de sistemas intelixentes para a aprendizaxe psicomotor e mostraranse os avances realizados na liña de investigación PhyUM (Physical User Modeling) do Departamento de Intelixencia Artificial da UNED.

PUBLICIDADE