A UNED lucense loce novo equipamento informático, fornecido co apoio da Deputación

venres, 26 de marzo do 2021 S. P.

A Deputación de Lugo vén de contribuír ao equipamento tecnolóxico da sede local da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED). Fíxoo cun investimento de 185.000 euros. Comprobar estes equipamentos e as súas funcionalidades foi o gran obxectivo da visita que fixo este 25 de marzo o presidente provincial, José Tomé, ás dependencias da UNED na cidade da Muralla.
José Tomé estivo acompañado do deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, da directora da UNED en Lugo, Ana Traseira, e do coordinador tecnolóxico da universidade, Xavier Fernández Salgado.
A contratación de material informático que fixo a Deputación preparou ao centro asociado para mellorar a calidade dos contidos dixitais da plataforma, que, segundo fixo saber a entidade provincial, “cobraron especial importancia e utilidade coa crise sanitaria derivada da COVID-19”. Os 185.000€ destináronse á adquisición de ordenadores, impresoras de alto rendemento e sistemas de vídeo-conferencia que permiten a renovación do equipamento tecnolóxico de diferentes dependencias do centro como o salón de actos, a aula de extensión, o Centro de Procesos de Datos (CPD) ou a sala AVIP, que posibilita o seguimento das clases por vía telemática.
Ao longo de todo o curso académico, dende a Deputación de Lugo impúlsanse iniciativas e convenios de apoio á UNED que se achegan aos 500.000€. Destínanse preto de 300.000€ que teñen como obxectivo axudar a sufragar os gastos derivados do seu funcionamento. A institución provincial promoveu a creación da nova sede da UNED na capital da provincia de Lugo, un edificio inaugurado no 2017, aínda que liderara a creación do centro asociado en Lugo no 2007.
A Deputación de Lugo tamén impulsa coa UNED o proxecto Lugo Cultura Dixital de comunicación dende o ano 2014 co obxectivo de “difundir a cultura lucense, a promoción do asociacionismo, o impulso da inclusión e a alfabetización TIC”. Para levalo a cabo, a institución provincial destina 25.000 euros. Ambas entidades tamén colaboran no proxecto LugoNaturalmente, comprometido co desenvolvemento sustentábel e a loita contra o cambio climático, un programa que recolle as grandes liñas da Axenda 2030 e que as traslada á súa contorna máis próxima.

PUBLICIDADE