A UMI Aquatim integra a dixitalización como parte natural do ciclo da auga

luns, 7 de novembro do 2022 S. P.

Este luns 7 de novembro presentouse a UMI (Unidade Mixta de Investigación) formado entre o Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (CETIM) e as empresas Aqualia e TRAINASA, que permitirá avanzar nunha xestión máis eficiente, segura, circular, resiliente e sustentábel do ciclo da auga, así como na consecución de retos sociais globais como a mitigación do cambio climático e a descarbonización da economía.
Na presentación da iniciativa Aquatim, no que colabora a Xunta, participaron a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), e a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez. Esta UMI é a segunda centrada na xestión sustentábel da auga e unha das 55 desenvolvidas en Galicia desde o ano 2014 co apoio da Administración autonómica que teñen mobilizado preto de 155 millóns de euros.
Dotada cun orzamento total de máis de 2 millóns de euros ata 2025 (un 40% de fondos públicos), esta Unidade Mixta persegue avanzar no estudo e implementación de novas tecnoloxías ao longo de todo o ciclo da auga a través da innovación e a dixitalización para obter novas fontes de enerxía limpas; novos recursos naturais e un uso eficiente dos mesmos; a protección dos ecosistemas e a biodiversidade; a dixitalización do ciclo integral da auga; e a introdución de melloras para asegurar a calidade das masas de auga, contribuíndo deste xeito á mitigación do cambio climático e a descarbonización da economía.
Durante a presentación de Aquatim, Argerey apuntou que esta Unidade Mixta está aliñada cos retos e prioridades da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3) “na medida en que contribúe a unha xestión máis innovadora dos recursos naturais a través da innovación e avanza na sustentabilidade, aplicando diferentes solucións científico-tecnolóxicas e de innovación para progresar na descarbonización das cadeas de valor e na sustentabilidade dos recursos naturais de Galicia, xerando ademais oportunidades para a súa diversificación”.
Pola súa banda, a directora de Augas de Galicia salientou a importancia deste proxecto como “instrumento que favorecerá a cooperación entre os distintos organismos de cara a acadar a xestión integral do ciclo da auga desde a innovación”. Así, situou como novos retos a eliminación de contaminantes emerxentes en augas para consumo e residuais; a valorización de produtos dos subsectores agro-gandeiros, industriais e especialmente da industria alimentaria; a redución dos consumos enerxéticos; ou a incorporación de fontes de enerxía alternativas nos procesos de xestión do ciclo da auga.
Ademais, apostou por avanzar na dixitalización e no uso de ferramentas de Intelixencia Artificial para “coñecer o funcionamento dos sistemas, non só nas redes de abastecemento e saneamento, senón tamén nos sistemas naturais”, sinalou a directora de Augas de Galicia.
As Unidades Mixtas de Investigación son un instrumento de cooperación entre organismos de investigación e o tecido empresarial impulsado pola Xunta de Galicia para desenvolver conxuntamente actividades de I+D+i estratéxicas para Galicia co obxectivo de impulsar a transferencia de I+D ao tecido industrial e a atracción de empresas cara Galicia. Desde a súa posta en marcha en 2014, a Xunta de Galicia apoiou 55 Unidades Mixtas de Investigación, coa participación de 39 empresas -a maioría grandes compañías- e 14 centros de coñecemento e un investimento mobilizado de preto de 155 millóns de euros.
No ámbito da auga, Aquatim súmase á UMI Centro de Innovación Galego de Sistemas Avanzados de Tratamentos de Auga (CIGAT), impulsada polo centro tecnolóxico Cetaqua e a empresa Viaqua desde o ano 2015 e que actualmente ten constituído un Centro Mixto de Investigación, no ámbito da xestión sustentábel da auga. O CIGAT está traballando na reintrodución de residuos de orixe industrial, urbano, agrícola e rural na cadea produtiva, converténdoos nun recurso esencial para a transición de Galicia cara unha bioeconomía circular e resiliente.

PUBLICIDADE