A UIMP introdúcenos nas novas correntes de hacking ético na Coruña

luns, 11 de setembro do 2017 Fernando Sarasketa

Os vindeiros días a Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP) vai organizar na Coruña unha importante xuntanza arredor das diferentes metodoloxías que podemos adoptar para loitar contra as ameazas e riscos en liña con medidas efectivas de prevención e poñéndonos, de xeito complementario, da pel dos atacantes (para facer o ben). O encontro Hacking ético para novos escenarios da ciberseguridade desenvolverase os días 6 e 7 de novembro na sede da UIMP na cidade da Coruña. Neste evento, expertos do sector impartirán coñecementos a través de diversos relatorio e mesas redondas.
O fío temático condutor será como o hacking ético inflúe na ciberseguridade actual e vindeira e fornece de solucións para acadar novas tecnoloxías máis seguras e confiábeis.
Para quen a estas alturas aínda non saiba en que consiste o hacking ético, dicirlle que é un xeito preventivo de traballar en seguridade tecnolóxica. Ou sexa, que se trata de empregar os nosos coñecementos informáticos para facer probas en redes atopar eivas que logo documentaremos e tentaremos emendar.
Segundo nos conta o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática (CPEIG), que participa no evento, o programa inclúe diferentes achegamentos colectivos (mesas redondas) ao futuro da ciberseguridade a través da IA (Intelixencia Artificial) e o Machine Learning, á empregabilidade no sector e a cuestións como a criptografía, a liberdade, a privacidade e o que se coñece como blockchain (tecnoloxías de codificación da información que sustenta a moeda virtual).
Amais do devandito, o programa abrangue media ducia de exposicións levadas a cabo por expertos en protección do coñecemento e das canles polas que circula ese coñecemento, tocando temas como as principais ameazas en Internet ás que nos enfrontamos, o día a día dun profesional da ciberseguridade ou os elementos diferenciadores e esenciais da ciberseguridade.
Entre o os especialistas TIC que participan nesta xeira de divulgación e debate figuran Pilar Vila (membro da xunta de goberno do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), empresaria e perita informática), Francisco José Ramírez, investigador en Seguridade de Telefónica Dixital España, ou Rafael Sánchez Gómez, arquitecto en Seguridade de BBVA.

PUBLICIDADE