A UE quere harmonizar as normas que rexen o uso de drons

martes, 20 de xuño do 2017 Marcus Fernández

Cada vez son máis os usos lúdicos e profesionais dos drons, existindo certa inseguridade ante a falta de regulamentos no sector (estando a meirande parte aínda en desenvolvemento) e finalmente a Comisión Europea vai atender ás demandas existentes e traballar nunha normativa que regule os vehículos aéreos non tripulados que se movan a altitudes de menos de 150 metros e que busca evitar pór atrancos a este ámbito con tanto potencial e dinamismo, para que Europa non quede fóra de xogo.
O obxectivo é que en 2019 exista unha normativa en vigor que permita a existencia dun mercado de servizos de drons que sexa seguro (estableceranse unhas normas para o tráfico aéreo de baixa altura), adaptado a automatismos (achegarse información sobre os sistemas de seguridade que evitan colisións e obstáculos) e preténdese que na data indicada sexa posible o rexistro, a identificación electrónica e o establecemento de xeo-valados.
A Axencia Europea de Seguridade Aérea (EASA) está a traballar cos Estados membros e a industria para crear unhas normas que poidan aplicarse en toda a Unión que sexan proporcionais ao risco de operación, de xeito que en poucos meses aprobaranse as normas que regularán o sector e a propia Comisión Europea tamén ten previsto financiar un abano de proxectos de drons enfocados na súa integración en sistemas de aviación. Pero estas medidas só serán primeiros pasos, pois a normativa que regule os drons no marco europeo terá que continuar a desenvolverse durante varios anos para adaptarse ás demandas do mercado e ao estado da tecnoloxía (como demostra o feito de que até o momento os únicos drons que teñen un regulamento europeo común son os de máis de 150 quilos de peso).

PUBLICIDADE