A UDC senta os alicerces dunha futura colaboración con Huawei arredor da Intelixencia Artificial

martes, 28 de febreiro do 2023 S. P.

O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, recibiu na Reitoría unha delegación da empresa Huawei encabezada polo vicepresidente do European Research Institute e director do departamento de European Standardization & Industry Development, Wang Xuemin, con sede en Bélxica. No marco da xuntanza, a UDC fixo unha presentación xenérica sobre as potencialidades da Universidade en temas de investigación e docencia TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), na que puxo o foco na formación que se imparte na Facultade de Informática e na investigación que se realiza no Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da UDC (CITIC).
Mentres, Huawei expuxo os proxectos que teñen en marcha en materia de Intelixencia Artificial (IA).
Ambas entidades analizaron posíbeis vías de colaboración que se abren coa posta en marcha da Cidade das TIC, así como coa sede na Coruña da Axencia Estatal de Supervisión de Intelixencia Artificial (AESIA) e co Nodo de Intelixencia Artificial do Hub de Innovación Dixital de Galicia, DIHGIGAL, que coordina a UDC e que terá a súa sede na Cidade das TIC.
A Universidade salientou a boa sintonía acadada na xuntanza, na que se puxo de manifesto o interese de ambas institucións por chegar a acordos conxuntos.
Ademais do reitor da UDC e do vicepresidente do Instituto de Investigación Europeo de Huawei, asistiron á reunión Chen Liang, director de IA no departamento de Europe Standardization & Industry Development (EU SID), con sede en Francia; Da Bin, xefe do departamento de Consumer BG no EU SID, con sede en Bélxica; Roi Rodríguez, director de desenvolvemento de Ecosistema de IA no EU SID; a adxunta do reitor para IA, Amparo Alonso; o director da Cidade das TIC, Alfonso Martínez; o subdirector do CITIC, Javier Pereira; o vicedecano da Facultade de Informática, Óscar Pedreira; e a coordinadora do Grado en IA na UDC, Bertha Guijarro.

PUBLICIDADE