A UDC organiza unha xornada informativa sobre parques científicos e tecnolóxicos

mércores, 9 de abril do 2008 Raquel Noya

O vindeiro xoves, 10 de abril, a vicerreitoría de Ferrol e de Relación Universidade-Empresa, vai levar a cabo unha xornada informativa sobre parques científicos e tecnolóxicos á que asistirá o presidente da Asociación de Parques Tecnolóxicos de España (APTE), Felipe Romera Lubias que falará sobre a evolución destas instalacións deseñadas para promover o crecemento de empresas baseadas no coñecemento.
Os parques tecnolóxicos teñen como finalidade estimular e xestionar o fluxo de coñecemento e tecnoloxía entre as universidades, centros de investigación, empresas e mercados, así como darlle pulo ó crecemento de empresas mediante mecanismos de incubación e xeración centrífuga.
As devanditas xornadas, que terán lugar no salón de graos da Facultade de Informática da Universidade da Coruña, comezarán ás 10:15 horas coa intervención do reitor, José María Barja, seguida da do presidente da APTE. A continuación, Julián Sánchez Alegría falará da Rede de Parques Tecnolóxicos do País Vasco que el mesmo preside, dando paso a Manuela Abuín López, xefa da área de parques Científicos e Tecnolóxicos do Ministerio de Educación e Ciencia que explicará as axudas da Administración central para impulsar a creación destas organizacións especializadas.
Finalmente, antes da clausura ás 13:00 horas a cargo do director Xeral de I+D+i da Xunta de Galicia, Salustiano Mato, o vicerreitor de Ferrol e de Relación Universidade-Empresa, Luís Barral, xunto co vicerreitor de Infraestruturas e Xestión Ambiental, Xosé Lois Martínez Suárez, explicarán aos asistentes as características do parque tecnolóxico da Universidade da Coruña, que conta con tres centros de investigación e innovación e outros varios en proxecto.
As xornadas sobre parques científicos están abertas a todos os interesados, aínda que é preciso confirmar asistencia enviando un correo a ucotri@udc.es.

PUBLICIDADE