A UDC loce o seu portal participativo en Madrid
venres, 17 de novembro do 2017
Poden os estudantes contribuír a decidir o rumbo
da universidade na que cursan unha carreira? Segundo a Universidade
da Coruña, non é que poidan, que tamén, é que deben facelo. Esta
é a base do Portal de
Participación da UDC, presentado o
pasado mes de outubro como un novo recurso dixital destinado a
“facer” comunidade e a estimular nos campus o traballo
conxunto (a través de propostas e debates) con estudantes,
profesorado, investigadores e demais integrantes do colectivo da UDC.
O portal, desenvolvido coa aplicación Consul, unha ferramenta de
software libre dirixida a fomentar a participación cidadá, está
a presentarse estes días no evento Cidades Democráticas que impulsa
o Concello de Madrid, artífice, precisamente, de Consul. Segundo
recordou alí a UDC, a universidade galega foi a primeira entidade
educativa superior que puxo en marcha, en todo o eido estatal, unha
canle directa e horizontal de participación na toma de decisións
que implica a toda a comunidade dos campus coruñeses.
Na xuntanza madrileña (na que participan
representantes de cidades, autonomías ou institucións que apostaron
polo software libre Consul) está a participar a vicerreitora,
Margarita Amor, quen explicou hoxe nun relatorio a experiencia da
posta en marcha desta plataforma na UDC.
Previamente, o encontro inaugurouse onte coa
presenza da directora de Governance Lab, Beth Noveck, quen liderou a
iniciativa do goberno aberto do ex-presidente dos Estados Unidos,
Barack Obama.
As intervencións continuaron esta mañá, con
distintos relatores, entre eles a vicerreitora de Estudantes,
Participación e Extensión Universitaria. Margarita Amor, que
cualificou a posta en marcha do Portal de Participación como “un
primeiro paso que garante a comunicación directa entre o equipo
reitoral cos estudantes e o persoal”. Segundo explicou, a UDC
decidiu implantar este espazo web de traballo cooperativo para buscar
unha canle de participación directa nos órganos de goberno que
expresase “a vontade da comunidade universitaria e dos estudantes
en particular”.
O Portal de Participación, segundo definiu a
vicerreitora, é “unha canle de comunicación na que o equipo de
goberno da Universidade escoitará a toda a diversidade da comunidade
universitaria para camiñar cara a unha universidade que se basea no
principio de eficacia, democracia, transparencia e transversalidade”.
A vicerreitora lembrou que dende a súa posta en
marcha, a novo portal recibiu preto de 1.500 visitas e subíronse
tres propostas: Que os Fillos de Breogán poidan xogar no Estadio
de Elviña ao fútbol gaélico, con 47 apoios; Habilitar
contas de correo IMAP para os alumnos, con 19 apoios; Creación
dunha banda de música da UDC, con 4 apoios.