A UDC lanza web para convidar á xuventude a percorrer o camiño da ciencia e a tecnoloxía

mércores, 27 de marzo do 2019 Fernando Sarasketa

Temos nova web sobre educación científico-tecnolóxica e sobre as vantaxes de iniciar unha andaina educativa e profesional ligada á investigación, o coñecemento avanzado e o desenvolvemento. A nova páxina, STEMbach, vén da man dunha das institucións galegas que envorca máis esforzos en incidir en estimular as vocacións e as capacidades da xuventude en eidos como a informática, a robótica, a eSaúde, a Industria 4.0 ou a sustentabilidade enerxética: a Universidade da Coruña.
O espazo en liña vai adicado ao novo Bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía, ou STEMbach, creado ao abeiro da Estratexia galega para a educación dixital, Edudixital 2020, e que se oferta por primeira vez neste curso nun total de quince centros educativos galegos.
Na páxina, ademais de información de interese sobre a nova liña formativa pre-universitaria, os titores e o alumnado dos centros educativos poden consultar os proxectos de investigación que se ofrecen desde a Universidade da Coruña: máis de 50 propostas realizadas por once facultades e escolas diferentes situadas tanto no Campus da Coruña como no Campus de Ferrol. Os proxectos, que poden realizarse de maneira individual ou colectiva e contarán cunha posterior defensa pública, están aliñados cos tres campus de especialización da UDC, o Campus Innova, o Campus Sustentabilidade e o Campus Industrial, e serán co-dirixidos por unha persoa docente pertencente á Universidade da Coruña.
Segundo se engade dende os ditos campus, “o alumnado galego matriculado neste bacharelato poderá desenvolver o seu proxecto de investigación na UDC sobre temas tan diversos e interesantes como o comportamento mecánico do aceiro a baixas temperaturas, a mellora da mobilidade viaria das cidades, os robots autónomos, a impresión 3D no deseño industrial, a radioactividade ambiental, a evolución da paisaxe e do clima, o estudo do cariotipo humano, a procura de novos compostos antitumorais, a análise da seguridade informática da rede de datos dun centro de secundaria, ou as tecnoloxías lingüísticas, entre outras liñas de traballo.
Outro dos obxectivos da web é facilitar a coordinación entre a Universidade da Coruña e os quince centros galegos que imparten o STEMbach co fin de “organizar de maneira conxunta visitas, xornadas, obradoiros, seminarios ou calquera outra actividade complementaria de formación”.

PUBLICIDADE