A UDC lanza un completo portal informativo para os seus vindeiros estudantes

mércores, 10 de xullo do 2013 Fernando Sarasketa

As universidades galegas seguen a estender a súa presenza na Rede, co obxectivo de superar as limitacións que amosa todo servizo presencial (para persoal e para estudantes) e, de paso, crear pequenos anacos de campus en cada computador ou teléfono intelixente dos alumnos. Nesta liña de estar cos estudantes alí onde se atopen a amosarlles en detalle todo o que se ofrece é onde se insire a plataforma estudos.udc.es que vén de desenvolver e presentar a Universidade da Coruña e que consiste nun portal informativo sobre todos os estudos oficiais que se poden cursar o vindeiro ano académico nos campus da Coruña e Ferrol.
A plataforma, que vén funcionando desde hai uns días, pretende “facilitar a busca de información aos futuros alumnos de tal xeito que elixan unha titulación sabendo exactamente o que se van atopar nas aulas universitarias”, informa a UDC. O portal, engade, inclúe unha descrición do que é cada carreira, así como as saídas profesionais máis frecuentes, tamén incorpora un apartado denominado por que estudar esta titulación e un folleto con información práctica como o número de créditos, contacto, materias por curso, etc. que se pode descargar facilmente e imprimir a demanda.
O menú do portal incorpora outras seccións como a de acceso e admisión ou orientación, ás que cómpre engadir apartados para actividades de lecer, culturais e deportivas, que se poden levar a cabo no ámbito da UDC, amais de información sobre aloxamentos nos campus, cursos de formación complementaria ou recursos para configurar os computadores de xeito que poidan tirar o máximo partida da rede Wi-Fi da Universidade.

PUBLICIDADE