A UDC inaugura este venres un ciclo de relatorios sobre o presente e o futuro do audiovisual

xoves, 14 de febreiro do 2013 Redacción

Ao longo dos vindeiros días, a Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade da Coruña vai dar acubillo a un interesante programa de actividades de reflexión arredor dun sector, o audiovisual, ao que moi probablemente vexamos nos anos vindeiros intimamente ligado á cuestión dixital en calquera das súas manifestacións. O evento vén con feitura de ciclo de charlas, e o gran obxectivo, o lema da xornada, é “debater acerca da situación actual e as perspectivas de futuro do sector audiovisual”. A xeira de actividades comeza este venres, coa presenza activa de Lois Blanco, director xeral da Corporación Voz de Galicia. O día 19 teremos a Tomás García, responsábel da área de Desenvolvemento Dixital da dita compañía.
Os relatorios desenvolveranse na aula magna da Facultade ás 13.00 horas, e intégranse no plano docente das materias Comunicacións e Industrias Culturais e Sector Audiovisual. Fican abertos, a maiores, non só á participación da comunidade universitaria, senón tamén de tódalas persoas que teñen interese na cuestión de como dar forma, materializar, presentar, distribuír e promover unha canle, un filme, unha serie, unha curta ou ben unha plataforma tecnolóxica que amose o dito tipo de contidos. As xornadas seguirán o día o 22 de febreiro coa participación de Rosa Vilas, directora da Televisión de Galicia, e concluirán o 1 de marzo, coa conferencia de Ángel Gómez Hervada, director de Radio Coruña.

PUBLICIDADE