A UDC fai un chamamento a visualizar o talento galego na Mobile Week Coruña
mércores, 17 de outubro do 2018
A
cidade da Coruña vai seguir este mes de novembro, entre os días 21
e 28 e logo dos múltiples eventos TIC que salpicaron setembro e
outubro (o X.Org
Developer’s, a feira
OSHWDem, o Congreso
XoveTIC ou o
congreso Big Data Coruña organizado polo CITIC), no punto de
mira de desenvolvedores, profesionais, empresarios e usuarios de todo
o mundo. O motivo? A celebración, agora, da primeira convocatoria da
Mobile Week Coruña,
organizada pola Fundación Mobile World Capital Barcelona
(involucrada na organización do Mobile World Congress). Hoxe
a Universidade da Coruña achegou máis detalles sobre este
sobranceiro evento, dirixido a fornecer coñecemento diverso e de
utilidade sobre a transformación dixital na que estamos mergullados.
Segundo
se lembrou a programación inclúe distintos actos de carácter
transversal, de balde e para todos os públicos, e que se
desenvolverán en máis de 20 espazos distintos entre o termo
municipal, a Área Metropolitana e a propia Compostela, na Cidade da
Cultura. Haberá relatorios, mesas redondas, demostracións,
exposicións de arte, obradoiros e xornadas infantís, entre outras
accións.
No
acto de hoxe tamén se destacou que a iniciativa divide o seu
programa en catro eixos de actividade: mWeek TALKS (un ágora
de debate para reflexionar sobre como a revolución dixital inflúe
na vida das persoas), mWeek LAB (demostracións e talleres de
cultura, tecnoloxía, robótica e ciencia), mWeek KIDS
(actividades para toda a familia) e, por último, mWeek GALLERY
(un programa cultural paralelo organizado en colaboración con
entidades do territorio que derivará en visitas guiadas e
exposicións artísticas).
A
presentación contou coa presenza do reitor da Universidade da
Coruña, Julio Abalde; o presidente do Club Financiero Atlántico,
Mariano Gómez-Ulla; a coordinadora de actividades da Mobile Week
Coruña, María José Rodríguez Malmierca; o director da Mobile
World Capital Barcelona, Esteban Redolfi; e o vicepresidente
executivo da Mobile Week Coruña, Manuel Gens.
Abalde,
na súa intervención, salientou a importancia do evento para a
cidade galega: “Cremos que é importante para A Coruña, para
Galicia e para o Eixo Atlántico que haxa un acontecemento deste tipo
que nos poña no mapa e permita presentar todo o potencial
tecnolóxico do que xa dispomos e un tecido industrial e económico
que temos que impulsar”, sinalou.