A UDC envía material informático a Nicaragua

xoves, 22 de maio do 2014 Redacción

A Universidade da Coruña vén de subministrar material TIC para Centroamérica. Máis polo miúdo e segundo informa a Oficina de Cooperación e Voluntariado da UDC, responsábel desta iniciativa solidaria, trátase do envío dun novo lote de material informático e de mobiliario cara ao Instituto de Liderado de Las Segovias, en Nicaragua. A achega inclúe catro palés con monitores, teclados, unidades de disco duro, ratos, mesas de estudo e cadeiras.
Trátase de material “en bo estado” que ficou inutilizado nos campus da Coruña e de Ferrol. Até o de agora o equipamento permanecía acubillado nos almacéns da UDC. Este material, informa a institución académica, vai posibilitar a posta en funcionamento de vinte postos para alumnos na aula de informática do instituto.
Segundo engade a Oficina, esta é a segunda doazón que realiza a Universidade con destino a este centro de Nicaragua, en colaboración coa ONGD Solidariedade Galega, e as empresas Talleres Reunidos Beges, Transportes Benito Veiga e Pescanova. A primeira fixéraa en agosto de 2012. Tamén lembra a UDC que desde 2003 Solidariedade Galega realiza campañas de asistencia sanitaria especializada para a poboación máis necesitada das comunidades rurais do departamento de Nueva Segovia (Nicaragua), en colaboración con ONGD locais. “Desa colaboración”, precisa a UDC, “partiu a idea da creación do Instituto de Liderado de Las Segovias, coa intención de darlle unha canle ás actividades de formación e promoción dun liderado transformador e eficaz que lles permita ás persoas saír da pobreza e contribuír ao seu propio desenvolvemento”.
Na construción e equipamento deste centro xa colaboraron a Deputación da Coruña e os concellos de Cambre, Oleiros e A Coruña.

PUBLICIDADE