A UDC e o Clúster TIC Galicia presentan este venres 15 o seu Innova Club

xoves, 14 de xullo do 2022 S. P.

O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde Alonso, a directora do Campus Innova, Susana Ladra González, o director do CITIC, Manuel González Penedo e o presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez del Corral, van organizar un xornada de actividade este venres 15 de xullo, a partir das 10:00 horas no CITIC, para presentar o Club de Innovación Aberta Innova Club.
Trátase dunha iniciativa pioneira, posta en marcha polo Campus Innova da Universidade da Coruña e o Clúster TIC Galicia, que ten como obxectivo “dar solucións a retos empresariais complexos, difíciles de solucionar individualmente e cos medios tradicionais”. Segundo informan as dúas entidades, ao abeiro desta iniciativa equipos deseñados de maneira personalizada e a medida, formados por expertos de empresas tecnolóxicas, profesionais, profesores e alumnos universitarios, idearán e prototiparán solucións innovadoras que darán resposta a necesidades reais do mercado.
O acto de presentación contará tamén coa participación do responsábel da dinamización e xestión do Innova Club, Juan Carlos Bugallo Taibo, e do presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández Prado, que presentarán o primeiro caso de uso do Innova Club, un reto exposto pola Autoridade Portuaria da Coruña sobre a rastrexabilidade dos cereais con destino á cabana agrogandeira no porto coruñés.

PUBLICIDADE