A UDC e Everis crean unha cátedra conxunta para afondar na nosa transformación dixital

mércores, 17 de xaneiro do 2018 Fernando Sarasketa

A Universidade da Coruña e a firma TIC Everis veñen de xuntar forzas a prol da formación tecnolóxica e a investigación. Froito da alianza, rubricada e presentada onte polo reitor da UDC (Julio Abalde) e o socio responsábel de Everis en Galicia (Jesús Lage), crearase a Cátedra de Transformación Dixital adscrita á Facultade de Informática. O seu obxectivo é afondar nos cambios aos que están sometidas as nosas entidades públicas e privadas en relación coas novas tecnoloxías da información, cambios que atinxen á forma (comunicación nas redes, transparencia, eficacia, dispoñibilidade de datos, axilidade no traballo diario) e tamén ao fondo.
Entre as actividades que se están a poñer en marcha ao abeiro da Cátedra está a creación do Premio ao mellor Traballo de Fin de Grao Aplicado, a realización de obradoiros e conferencias e o desenvolvemento de prácticas de alumnado da Facultade de Informática na empresa Everis.
O reitor asegurou que hoxe “é un día importante para a UDC pola formalización deste convenio” que “vén establecer unha liña máis de transferencia de coñecemento da universidade á empresa do que se espera se beneficie o tecido industrial galego”.
Para Jesús Lage, “esta alianza reafirma o compromiso de ambas as dúas entidades co desenvolvemento científico e tecnolóxico de Galicia, favorecendo unha aplicación práctica do coñecemento e impulsando a economía galega baseada nun modelo de crecemento dixital”.
Unha alianza que vén de lonxe
Este convenio, engadiron, consolida a colaboración existente entre a Universidade da Coruña e Everis que comezou no ano 2010 e que culmina coa creación da devandita Cátedra de Transformación Dixital, que ten unha duración de tres anos porrogábeis.
Abalde e Lage avanzaron que outro dos eidos de traballo a explorar está relacionado co novo Grao Ciencia e Enxeñaría de Datos que se implantará na Facultade de Informática no curso 2019/2020. Este título sobre xestión da información a gran escala (Big Data) “amplía o abano de posibilidades de colaboración coa empresa Everis”, explicou o reitor, engadindo que pon novamente de manifesto que o concepto de informático tiña un perfil profesional monolítico pero os novos requirimentos tecnolóxicos precisan a diversificación nas titulacións e o novo grao da UDC de xestión de datos é “estatéxico”, segundo cualificou Lage.

PUBLICIDADE