A UDC e Corunet unen forzas para promover a ciencia aberta a través do software

mércores, 23 de marzo do 2022 S. P.

Este xoves 24 de marzo formalízase na UDC a creación da Cátedra Corunet, da que formarán parte a Universidade da Coruña e a empresa Corunet SLU, a través dun acordo co que se quere dar un impulso á ciencia aberta a través do software CAT00521.
A respecto das causas que motivaron a creación da cátedra, a UDC sinala que “se pensamos na tecnoloxía en xeral, e no software en particular, ambos recursos mudaron o xeito en que se fai ciencia, pois dende a recollida de datos e a realización de experimentos até a análise de resultados, todo está apoiado en software”. Porén, engaden a UDC e a devandita empresa TIC este software científico non pode reutilizarse de maneira doada dun proxecto de investigación a outro porque non se fai pensando na súa reutilización. A finalidade da Cátedra Corunet é “tender pontes entre o persoal informático e científico para mellorar este software e contribuír a reproducibilidade da ciencia fomentando o acceso aberto a ese software científico”.
En resumo, coa creación desta Cátedra perséguese: poñer en valor a transcendencia que ten o desenvolvemento de software como motor da I+D+i nos seus diversos eidos; apostar pola calidade, a sostibilidade e a transferencia efectiva á sociedade das ferramentas de software empregadas na investigación, contribuíndo a fomentar o novo paradigma industrial 4.0; promover o código e ciencia abertas, así como a colaboración entre a comunidade de desenvolvemento de software e a comunidade investigadora e, por último, contribuír á consolidación da Coruña como un referente galego, nacional e internacional no ámbito do desenvolvemento de software e das tecnoloxías da información.

PUBLICIDADE