A UDC definirá os contidos dunha materia de Intelixencia Artificial para centros de FP e toda Europa

xoves, 10 de novembro do 2022 S. P.

Foto de arquivo da intervención do alumnado e profesorado do CPI A Xunqueira de Fene, na presentación de resultados do proxecto AI+ o 22 de xuño deste ano no Campus de Ferrol

Un grupo internacional de investigadores, coordinado polo catedrático da Universidade da Coruña Fran Bellas, experto en Robótica e Intelixencia Artificial (IA) e investigador do CITIC, desenvolverá os contidos para unha materia de IA para implantar nos centros de Formación Profesional de toda Europa. O proxecto Artificial Intelligence learning modules to adapt VET to the digital transformation of the labour market (AIM@VET), avalado polo Servizo Español para a Internacionalización da Educación (SEPIE), vén de obter unha axuda do Programa Erasmus + da Unión Europea de 400.000 euros.
Ao longo dos próximos tres anos, o membro do Grupo de Investigación Integrado de Enxeñaría, Fran Bellas, coordinará un equipo de investigadores da Universidade de Liubliana, Eslovenia; da Universidade do Minho, Portugal, e da propia UDC que traballará conxuntamente con alumnado dos centros de Formación Profesional de Solski Center Velenje, Eslovenia; da Escola Secundária de Caldas das Taipas, Guimarães, Portugal; e do Centro Integrado de Formación Profesional Rodolfo Ucha, de Ferrol.
Os investigadores realizarán os contidos dunha materia para dous cursos lectivos, así como desenvolverán o material necesario, logo de probar as propostas co alumnado dos centros de FP colaboradores dos tres países.
Segundo informou a UDC, esta iniciativa “pretende adaptar a educación e a Formación Profesional ás necesidades do mercado laboral”, ao tempo que se afrontan os principais desafíos de transformación da FP, con vistas a un intre, o ano 2030, en que se estima que arredor do 70% das empresas teñan incorporada a Intelixencia Artificial nos seus procesos comerciais. O proxecto que lidera a UDC está centrado en tres áreas clave, a visión por computador, a robótica e a intelixencia ambiental. O coñecemento nestas destrezas abrirá ao alumnado de FP novas oportunidades no mercado laboral en sectores como a industria 5.0; contornas smart; vehículos autónomos e outros.
Este proxecto é continuación do xa realizado para desenvolver os contidos dunha materia de Intelixencia Artificial para Secundaria e Bacharelato para centros educativos de Europa. O proxecto europeo de innovación educativa AI+: Developing an Artificial Intelligence Curriculum adapted to European High School, coordinado tamén polo profesor Fran Bellas, desenvolveuse de 2019 a 2022, cando se presentaron os resultados nun acto no Campus Industrial de Ferrol. Acadou, así mesmo, financiamento do programa Erasmus + da Unión Europea.
Este proxecto contou coa colaboración de seis centros de ensino secundario e de bacharelato de cinco países europeos: o 2IIS A-Ruiz (Italia), o Viesoji istaiga Panevezio Profesinio Rengimo Centras (Lituania), o CPI A Xunqueira (Fene, A Coruña, España), o Solski center Velenje (Eslovenia), o Joensuun yhteiskoulun lukio (Finlandia) e o IES David Buján (Cambre, A Coruña, España).
Os investigadores deseñaron 16 unidades didácticas nas que o alumnado participante debía afondar no eido das aplicacións para smartphones, da robótica autónoma e da Intelixencia Artificial Colectiva. Botando man do propio smartphone do alumnado e do robot educativo Robobo, o profesorado dos centros colaboradores impartiu estas unidades didácticas como actividade extracurricular ou integrada como parte de materias de tecnoloxía xa existentes.

PUBLICIDADE