A UDC celebra unha xornada técnica sobre Recuperación da Información e PLN

luns, 30 de abril do 2012 Raquel Noya

A Facultade de Informática da Universidade da Coruña vai acoller, o vindeiro mércores día 2 de maio, un seminario que leva por nome Recuperación da Información e PLN, que organiza a Rede Galega de Recursos Lingüísticos para unha Sociedade do Coñecemento, RELISCO, con vistas a afondar nos coñecementos que sobre este eido teñen as persoas asistentes.
O acto dará comezo a partir das 10:30 horas coa intervención de Gaël Dias, da University of Caen Basse-Normandi, que ofrecerá un relatorio sobre Information Digestion; a esta intervención séguelle no programa a de Luis Pérez Freire, de Gradiant, xusto antes de rematar a sesión da mañá coa intervención de Daniel Fernández González, do Grupo COLE da Universidade de Vigo, que falará sobre a análise de dependencias baseado en transicións.
A sesión da tarde dará comezo a partir das 16:00 horas, coa intervención de Milagros Fernández Gavilanes, do Grupo COLE da Universidade de Vigo, convidada ao evento para falar sobre o modelo de recuperación semántica conceptual; para continuar coa do seu compañeiro de grupo, Adrián Blasco González, que intervirá cun relatorio sobre Avaliación do modelo de RI conceptual.
A xornada pecharaa un da casa, Jesús Vilares Ferro, do Grupo LYS da Universidade da Coruña, cun relatorio moi técnico denominado Subword-Level Pseudo-Translation for CLIR Using Parallel Corporation.

PUBLICIDADE