A UDC celebra este mes a nova edición do foro de emprego Avanza

venres, 13 de outubro do 2023 S. P.

A UDC (Universidade da Coruña) organiza unha nova edición do Foro Avanza, para favorecer a empregabilidade das persoas tituladas da institución educativa. O foro ten dúas partes, a primeira, máis formativa, será na Facultade de Economía e Empresa os días 24 e 25 de outubro. Inclúe charlas e obradoiros relacionados coa empregabilidade. Cóntase con relatores que falarán sobre como traballar en Europa, obradoiros con dinámicas de procesos de selección de persoal ou experiencias de inserción laboral que relatará antigo alumnado da UDC.
A segunda parte será o día 26 de outubro no Pavillón de Deportes, que acollerá a Feira de Emprego. Máis de corenta entidades asistirán para informar dos seus procesos de selección de persoal. Participan, entre outras, empresas como Acciona, AXA, BBVA, Deloitte, El Pulpo, Gadisa, Garrigues, Hijos de Rivera, Minsait (INDRA), Navantia, NH Hoteles, NTT Data ou PWC.
O alumnado de Grao que se inscriba no Foro Avanza obterá un crédito ECTS se asiste como mínimo ao 80% das actividades propostas no Foro durante os tres días. O prazo de inscrición remata o 23 de outubro.
Máis información e inscricións na páxina web da UDC.

PUBLICIDADE