A UDC amosa o seus logros en apoio á creación de empresas tecnolóxicas

xoves, 5 de xullo do 2012 Fernando Sarasketa

Pachi Vázquez na súa visita ao Viveiro de Empresas da UDC

A Universidade da Coruña amosou esta semana os froitos acadados no seu seo a longo dos últimos oitos anos en materia de innovación e impulso á creación de empresas e de postos de traballo. O reconto levouse a cabo a raíz da visita á UDC do secretario xeral do PSdG-PSOE, Pachi Vázquez, quen quixo coñecer, de primeira man, a actividade que se desenvolve dende o Viveiro de Empresas da Universidade. Segundo lle fixeron saber o vicerreitor de Investigación e Transferencia, Ricardo Cao, e o vicerreitor de Novas Tecnoloxías, Julio Abalde, a UDC deu acubillo, dende o dito servizo, á creación de 36 iniciativas empresariais que xeraron máis de 150 empregos. Dáse a circunstancia de que un número importante destas iniciativas están fortemente ligadas ao universo TIC.
De feito, máis que dunha circunstancia trátase dunha condición ou requirimento xeral: as firmas do Viveiro, cun máximo de dous anos de aloxamento, teñen que ser de base tecnolóxica e cun alto compoñente de innovación.
Segundo fixeron saber os representantes da UDC, estas iniciativas xorden directamente do espírito innovador e emprendedor de estudantes e profesores, amais do persoal de servizos e administración.
Das 36 iniciativas creáronse 16 spin-offs, das cales a UDC participa en unha e está en proceso de participar en tres máis. Asemade, a Universidade fixo saber que certificou xa a cinco empresas como asociadas á Universidade pola súa especial colaboración coa comunidade universitaria. Tódalas empresas do Viveiro, tal e como se pode apreciar na listaxe ofrecida pola UDC, que reproducimos na súa integridade, comparten a arela de renovar a produción galega de servizos e produtos, dende a investigación científica ou dende a innovación arredor do coñecemento e das novas tecnoloxías dixital.
• AllGenetics & Biology, SL. Promotores: Joaquín Vierna Fernández, Alejandra Perina Cedrón. Actividade: AllGenetics é unha spin-off da Universidade da Coruña que foi fundada en 2011 e que naceu coa intención de ofrecer diversos servizos de xenética molecular a grupos de investigación europeos, empresas e institucións. AllGenetics realiza desde a experimentación no laboratorio ata a análise bioinformática de datos xenéticos, incluíndo o desenvolvemento de ferramentas a medida.
• Avansig, SLL. Promotores: David Trillo Pérez, José Ignacio Lamas Fonte. Actividade: Avansig é unha empresa de enxeñería do software que nace co obxectivo de ofrecer á administración e empresas, servizos de consultaría tecnolóxica e desenvolvemento de software a medida baseados en tecnoloxías SIX (Sistemas de Información Xeográfica) e FOSS (Free and Open Source Software).
• Doibos Enxeñería e Medio Ambiente. Promotores: Ignacio Fraga Cadórniga, María Bermúdez Pita, Bruño Fraga Bugallo, Inés Mera Rico. Actividade: Doibos é unha consultora especializada en Enxeñería da Auga e Medioambiental especializada nas ferramentas de cálculo e simulación numérica. Esta iniciativa xurde como resultado da experiencia en investigación aplicada e proxectos no Grupo de Enxeñería da Auga e do Medio Ambiente da UDC, no cal traballaron ou traballan todos os seus promotores. Están especializados nos traballos relacionados coa enxeñería costeira, saneamento, enxeñería fluvial, análise de riscos (verquidos, rotura de presas, inundacións...) ou estruturas hidráulicas.
• Goovent Technologies, SLNE. Promotores: Alexandre Veira Rodríguez, Jorge Rodríguez Graña. Actividade: Goovent é un servizo web de procura e xestión de eventos. Goovent ten como obxectivos crear un espazo común para que os usuarios poidan localizar, da forma máis rápida e sinxela posible, que eventos suceden no seu contorno, desde concertos musicais, ata exposicións, obras de teatro ou acontecementos deportivos. E, doutra banda, ofrecer a organizadores e patrocinadores, un lugar chave en que poderán dar a máxima difusión aos seus eventos.
• Appentra. Promotores: Manuel C. Arenaz Silva, Jorge Allo Maneiro, María Rosa Vázquez Rogel. Actividade: Appentra é unha empresa dedicada á produción de software para optimizar automaticamente aplicacións que infrautilizan o hardware paralelo actual, así como á prestación de servizos relacionados de alto valor engadido. Deste xeito, os científicos produtores de aplicacións que resolvan problemas de simulación científica e de enxeñería terán menor dependencia dos enxeñeiros informáticos especializados en computación de altas prestacións. Conséguese deste xeito maior produtividade, aforro de custes e unha resolución de problemas máis rápida e eficiente.
• Trileuco Solutions, SL. Promotores: Felipe Peña Pita, Marcos Muíño García, César Suárez Suárez. Actividade: Trileuco Solutions é unha iniciativa empresarial galega, que proporciona servizos integrais de consultoría e solucións en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións. Abrangue todos os ámbitos da enxeñería informática, pero a traxectoria profesional dos promotores fai que a optimización de procesos de negocio sexa un ámbito de especial interese para Trileuco. Actualmente están inmersos na definición dun primeiro sistema de axuda á decisión enfocado a empresas de venda on-line e callcenters, permitindo establecer un mecanismo xusto (e óptimo) de negociación entre as empresas e os clientes, conseguindo obter un beneficio económico por ambas partes.
• Syntheractive. Nome dos Promotores: Victor M. Gulías, Javier Taiboey Miguel Barreiro. Actividade: Syntheractive é unha empresa de base tecnolóxica creada en 2011 e que nace de proxectos innovadores de I+D desenvolvidos no Centro de Investigacións en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña. Foi fundada por un grupo de investigadores en tecnoloxía multimedia, gráficos por computador, e computación distribuída.

PUBLICIDADE