A UDC acollerá un mestrado internacional centrado no naval 4.0

luns, 3 de agosto do 2020 S. P.

O profesor da EPS e membro do Grupo Integrado de Enxeñaría, Marcos Míguez González

A Escola Politécnica Superior do Campus de Ferrol, acollerá, no curso académico 2021/22, un mestrado centrado na industria naval intelixente e nas posibilidades que poñen en xogo as novas tecnoloxías para a construción de buques e para crear barcos máis sustentábeis e seguros e mellor xestionados. Trátase da titulación internacional Máster Erasmus Mundus SEAS 4.0. O proxecto, que ten financiamento da Comisión Europea, nace baixo o paraugas dun consorcio integrado pola Universidade de Nápoles Federico II (Italia), a Universidade da Coruña (España) e a Universidade de Zagreb (Croacia).
A coordinadora principal deste mestrado 4.0 será a profesora do Departamento de Enxeñaría Industrial da Universidade de Nápoles Federico II, Ermina Begovic. O responsábel na UDC será o profesor da EPS e membro do Grupo Integrado de Enxeñaría, Marcos Míguez González. No que atinxe á Universidade de Zagreb, a coordinación recaerá no profesor Jerolim Andric.
O profesor e investigador Marcos Míguez González, quen tamén coordina o grao en Enxeñaría Naval e Oceánica que se imparte na EPS, define esta proposta como “unha oferta formativa única e innovadora a nivel nacional e internacional” xa que non existe en España nin en Europa ningunha outra titulación de mestrado que se centre no estudo e aplicación das tecnoloxías 4.0 e mais na sustentabilidade do sector marítimo.
Pola súa banda, a vicerreitora de Internacionalización e Cooperación, Pilar García de la Torre, salienta que a concesión da financiamento para a posta en marcha do Máster Erasmus Mundus SEAS 4.0 por parte da Comisión Europea supón “un recoñecemento internacional ao potencial da Universidade da Coruña e, máis concretamente, ao do Campus de Ferrol”.

PUBLICIDADE