A UDC acolle mañá unha xornada sobre os éxitos das empresas tecnolóxicas xurdidas ao seu abeiro

martes, 21 de abril do 2009 Fernando Sarasketa

Na creación de empresas, sexan do eido tecnolóxico ou non, non só conta a iniciativa propia. Son precisos incentivos e estudos sobre os camiños tomados anteriormente por outras empresas (para collelos ou non), e unha das máis axeitadas maneiras de poñelos en xogo semella ser a presentación activa de casos de éxito. Nisto, en darlle o máximo pulo ao espírito emprendedor xurdido no eido académico, consiste a xornada sobre spin-offs universitarias de base tecnolóxica que acolle este mércores 22 de abril a Facultade de Dereito (na imaxe) da Universidade da Coruña, e partir das 10.30 no salón de graos do centro.
O encontro, que contará coa presenza do reitor da Universidade, José María Barja (en labores de apertura e presentación), acollerá entre outras actividades a posta en longo do caderno sobre Empresas de base tecnolóxica da UDC. Máis tarde, o vicerreitor de Ferrol, Luís Barral Losada, falará das empresas de base tecnolóxica na Universidade, sendo a continuación a quenda de Fernando Martínez Valdueza, de Malbar Consultores, quen explicará aos asistentes as principais características das spin-offs e cales son as cuestións normativas polas que se rexen.
Para rematar, celebrarase unha mesa redonda sobre as experiencias de creación de empresas universitarias na que participarán Óscar Sacristán Agulló, de LambdaStream, S.L, Pedro Arenas Barreiro, de Health in Code, S.L, e Manuel Meijide Ferreiro, de Ilux Visual Technologies, S.L.

PUBLICIDADE