A UDC acolle a segunda edición do Campus Doc

xoves, 29 de abril do 2010 Raquel Noya

A Facultade de Informática da Universidade da Coruña vai dar acollida, durante os vindeiros días, á segunda edición do Campus Doc, un peculiar festival audiovisual no que, entre outras cousas, se levarán a cabo proxeccións de filmes, documentais, musicais... así como relatorios da man de diversos profesionais do audiovisual galego.
No festival, que deu comezo onte á tarde coa proxección dos films Buena Vista Social Club e Glastonbury, participarán persoeiros da talla de Antón Reixa, músico, escritor e cineasta, e David Castro, coordinador da Aula de Cinema e Imaxe da UDC.
Ás 16:30 horas desta mesma tarde, Castro ofrecerá a charla Os documentais musicais, á que seguirán a proxección de This is Spinal Tap (Rob Reiner, 1984) e de No Distance Left To Run (Dylan Southern e Will Lovelace, 2010).
As proxección retomaranse o vindeiro día 6 de maio ás 16:00 horas, cando as persoas asistentes ás xornadas poderán ver Mirror Noir (Vincent Moon e Vincent Morisset, 2009), para logo asistir ao relatorio de Antón Reixa, que leva por título Música e Audiovisual en Galiza e Palestina.
Posteriormente, ás 19:30 horas será a quenda para a proxección de The Devil And Daniel Johnston (Jeff Feuerzeig, 2005).
Finalmente, o xoves, 13 de maio, ás 17:30 horas poderanse ver Scratch (Doug Pray, 2001) e Michael Jackson’s This Is It (Kenny Ortega, 2009), ás 19:30 horas.

PUBLICIDADE