A UCGAL carga contra a calidade dos servizos de Jazztel

venres, 3 de marzo do 2017 Fernando Sarasketa

A Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) vén de cargar contra a calidade de servizo dun dos principais operadores con presenza no mercado estatal: Jazztel. Segundo informa a plataforma galega de usuarios, esta compañía, a día de hoxe, “non é quen de cubrir cos mínimos estándares de calidade esixíbeis en canto a prestación de servizos”. O motivo desta denuncia está no calvario que está a sufrir unha das asociadas de UCGAL, que segundo conta e reflicte a entidade, leva máis dun mes sen teléfono e Internet “pola incompetencia de Jazztel” e, máis en concreto, por non ter dado a compañía unha “resposta axeitada unha cuestión tan común como a portabilidade dunha liña”. A situación da usuaria, engade a plataforma, só pode ser cualificada de “kafkiana”.
O problema comezou en xaneiro, cando a asociada solicitou unha portabilidade, que, como lembraremos, non é outra cousa que o procedemento mediante o cal podemos manter o noso número de teléfono cando mudados de operador móbil. O proceso foi solicitado a Orange pero, “debido a erros internos deste operador”, nunca chegou a realizarse debidamente polo que foi cancelada pola propia compañía. En febreiro, o día 1, a clienta aceptou unha contraoferta de Jazztel para manter a liña con esta compañía, pero, dende entón, “non dispón nin de teléfono nin de Internet”. Segundo engade a plataforma, durante ese mes de febreiro a usuaria púxose varias veces en contacto co departamento de atención ó cliente de Jazztel “pero a compañía foi incapaz de resolver a incidencia, e nin tan sequera foi quen de explicar por que motivos non operaba a súa liña”.
Porén, nunha última tentativa para emendar o problema creado pola propia compañía, o 21 de febreiro técnicos da UCGAL puxéronse en contacto coa compañía e, logo de máis dunha hora de conversas co servizo de atención ao cliente de Jazztel, este servizo indicou como posíbel solución facer unha nova contratación de alta de liña que estaría operativa nun prazo máximo de sete días. A día de hoxe, superado con creces este tempo, a usuaria prexudicada segue sen servizo.
Segundo UCGAL, “xa sexa por incompetencia ou por desleixo, Jazztel está a incumprir a Lei Galega de Defensa do Consumidor que establece que o prazo de resposta a unha reclamación en servizos de carácter continuado é de dúas horas cando a incidencia se relacione coa continuidade de dito servizo”. A plataforma xa anunciou que trasladará estes feitos á Administración de consumo, solicitando a apertura de expediente sancionador a Jazztel por infrinxir a normativa en materia de defensa do consumidor.

PUBLICIDADE