A Tropa Verde sensibilizará á mocidade compostelá da importancia de reciclar material tecnolóxico

venres, 26 de febreiro do 2016 Fernando Sarasketa

A iniciativa ecolóxico-tecnolóxica A Tropa Verde, lanzada polo Concello de Santiago e pola empresa local Teimas, vai chegar este aos colexios de Secundaria de Compostela. Así o fixeron saber esta semana, en rolda de prensa, o concelleiro de Medio Ambiente, Xan Duro, e máis o director da dita firma TIC, Miguel Varela. Duro explicou que en 2016 quérese traballar "en tres liñas básicas”. Primeiro, na ampliación e difusión da Tropa Verde, segundo na implantación do programa nos colexios de secundaria, e terceiro, nas campañas específicas asociadas a refugallos concretos como os aceites vexetais de fritura, as pilas e o material electrónico desbotado.
O obxectivo común que serve de alicerce a estas accións previstas pola Concellaría de Medio Ambiente e Convivencia é o seguinte: que medre o número de cidadáns participantes na Tropa Verde. Para iso, farase un meirande esforzo en promoción e publicidade do programa, elaborarase novo material de mercadotecnia como camisolas, folletos informativos ou bolsas de tela respectuosas co medio ambiente. “Tamén se fará un esforzo para desenvolver novas funcionalidades técnicas que fomenten a interacción entre os cidadáns rexistrados e a plataforma”, engadiu Xan Duro, que explicou tamén que o seu departamento ten “especial interese” en concienciar aos máis novos na importancia da reciclaxe e do coidado do medio ambiente. Por iso, para este ano están previstas dúas campañas de sensibilización, ao abeiro da Tropa Verde, dirixidas a estudantes de Secundaria de Compostela.
A terceira das liñas prioritarias de actuación da Tropa Verde neste ano serán campañas específicas ligadas a un tipo de refugallo determinado. A primeira delas será en abril, e estará centrada nos aceites de fritura vexetais. “O obxectivo”, sinalou Xan Duro, “é concienciar do alto poder contaminante deste produto, xa que un litro de aceite vexetal usado pode contaminar 1.000 litros de auga, mentres que un litro de aceite vexetal reciclado pode xerar un litro de biocombustíbel”.
Xa en maio, encetarase unha campaña sobre pilas, baterías e pequenos residuos de aparatos eléctricos e electrónicos. “Segundo datos da ONU”, explicou o concelleiro, “en 2014 xeráronse 42 millóns de toneladas de lixos procedentes de aparellos eléctricos e electrónicos en todo o mundo, dos que só se reciclou o 15,5 por cento”. E engadiu: “En Europa, cada habitante xera uns 15,6 quilos deste tipo de refugallos cada ano; por iso a Tropa Verde quere concienciar á cidadanía da importancia da reciclaxe destes aparellos, e do valioso da súa reutilización”.
A terceira das campañas específicas para este 2016 será a participación na Semana Europea da Prevención de Residuos, que celebra en novembro a súa oitava edición. O obxectivo é difundir o concepto da prevención de material tecnolóxico desbotado, e evidenciar o seu impacto no medio ambiente e na loita contra o cambio climático.
Que é Tropa Verde?
Tropa Verde é un proxecto desenvolvido por Teimas Desenvolvemento que se dirixe a premiar e recoñecer a conciencia ecolóxica da veciñanza. Os cidadáns inscritos na plataforma reciben puntos cada vez que fan accións responsábeis medioambientalmente, como depositar residuos nos lugares acaidos, ou asistir a eventos de sustentabilidade. Eses puntos pódense trocar por distintos agasallos e premios que entrega nos locais patrocinadores.
O proxecto púxose en marcha en maio de 2015. Neste tempo, máis de 1.500 cidadáns rexistráronse na plataforma, e conseguiuse a patrocinio de 115 establecementos do comercio e da hostalería compostelá. Ademais repartíronse 4.700 cheques e ofertáronse 1.500 recompensas por un valor de 12.000 euros. Como lembraremos, a iniciativa vén de recibir o diploma de finalista do Premio Cidade Sustentábel, na categoría de Xestión de Residuos, que entrega a Fundación Fórum Ambiental en colaboración con Ecoembes e co Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.

PUBLICIDADE