A Torre de Hércules estrea páxina web e museo virtual

luns, 10 de maio do 2010 Marcus Fernández

Carbajo, Tello e Pan na presentación da nova páxina web da Torre de HérculesEsta mañá presentouse na Coruña a nova páxina web da Torre de Hércules, que busca converterse nunha referencia informativa ligada tanto á web do Concello como á de Turismo da Coruña, para que calquera cidadán teña varías vías para chegar a ela, e que destaca especialmente por incorporar un Museo Virtual baseado nunha recreación tridimensional da Torre pola que o usuario pode moverse libremente e que non amosa só a súa aparencia actual, senón que tamén permite visitar o faro herculino tal e como era nos séculos II e XVII. Este proxecto non está pechado, senón que irá incorporando novos elementos a medida que se avance nos proxectos de rehabilitación e musealización.
Ao acto acudiron o tenente de alcalde e responsable da área de Turismo, Henrique Tello; acompañado por Ana Carbajo, de Línea Creativa, compañía que desenvolveu a nova páxinas web; e por Manuel Pan, de Abertal, empresa que xunto con Paralaxe, realizou a parte tridimensional deste proxecto que permitirá «facer unha viaxe no tempo que será moi interesante non só para os turistas, senón tamén para os propios coruñeses», segundo matizou o propio Pan.
A páxina web serve para cumprir un dos obxectivos establecidos e suxeridos pola Unesco, como é o de contar dunha páxina web oficial, levando 6 meses de adianto con respecto á previsión do organismo internacional, e busca estar á altura das páxinas máis importantes, xuntando e resumindo toda a información de valor sobre a Torre de Hércules.
Para a realización da web contouse coa colaboración do Consorcio de Turismo das Mariñas, a Consellería de Turismo, o Ministerio de Cultura e a Asociación Provincial de Hostalaría.

PUBLICIDADE