A Tecnópole proxecta dar continuidade ao encontro sensorial que festexa este venres os seus 20 anos

xoves, 4 de outubro do 2012 Fernando Sarasketa

O Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) acolle este venres 5 de outubro unha xornada encamiñada a festexar o seu 20 aniversario, dúas décadas de traballo no eido da investigación e o desenvolvemento da nosa terra. Trátase dunha xuntanza de especial relevancia que abre unha nova fórmula (sensorial) para este tipo de encontros na nosa terra. Á cita están convidadas/os tódalas/os empresarias/os do parque, co obxectivo de converter a xuntanza, entre todas/os, “nunha auténtica iniciativa para a promoción da cultura da innovación aberta”. O encontro celebrarase no Edificio CEI da Tecnópole, no terceiro andar, e contará (entre outros persoeiros do tecido produtivo galego) coa presenza de Luisa Pena, directora do complexo empresarial ourensán, que clausurará a xuntanza, ás 13.30 horas, facendo balance das accións realizadas ao longo da mañá e explicando as actividades previstas de continuidade que terá a experiencia.
A experiencia, con toda probabilidade, marcará un antes e un despois nos modelos máis ou menos habituais de eventos tecnolóxico-profesionais. De feito, sinala a Tecnópole, os asistentes terán a oportunidade de interrelacionarse e compartir coñecementos para colaborar en proxectos innovadores a través da entrada en xogo de estímulos sensoriais.
O evento, titulado 5 Sentidos para Innovar, está dirixido ás 90 empresas e centros de coñecemento actualmente instalados na Tecnópole. “Para lograr que estes activen as súas capacidades innovadoras e as orienten a resultados concretos é fundamental que se interrelacionen”, engaden fontes do complexo empresarial galego, e engaden: “Por estes motivos, o Parque Tecnolóxico de Galicia concibiu un encontro no que propiciar dinámicas colaborativas que, unha vez testadas e experimentadas na mesma Tecnópole ao longo do tempo, poidan ser exportadas a outros parques e centros de coñecemento”.
A sala na que se vai celebrar o encontro estará distribuída en cinco espazos, cada un deles especificamente ambientado para estimular cada un dos sentidos. Haberá relatores externos, como o organizador do TEDxGalicia, Marcos Pérez, e o fundador do Instituto Ben Pensante, Daniel Álvarez, e máis un importante número de intervencións, en quendas rápidas, que irán a cargo dos empresarios, emprendedores e responsables de centros de coñecemento da propia Tecnópole, que explicarán cales son as fortalezas das súas organizacións en termos de innovación.

PUBLICIDADE