A Tecnópole organiza en xaneiro un curso de iniciación aos drons

venres, 9 de decembro do 2016 Redacción

A Tecnópole de Ourense vai organizar en xaneiro curso de iniciación aos drons. A actividade diríxese a fornecer coñecementos básicos “para podermos gozar integramente da experiencia de voar estes aparellos non tripulados”. Entre os puntos fortes da actividade formativa inclúese a posta a disposición do alumnado de vehículos aéreos empregados para series como El Final del Camino, unha produción da firma galega Voz Audiovisual que inclúe (entre outras cousas) un pormenorizado achegamento á Galicia da Edad Media. O curso desenvólvese o 11 de xaneiro en modalidade presencial de 8 horas duración (xornada completa), na propia sede da Tecnópole en San Cibrao das Viñas (Ourense). Imparten os profesionais da firma AeroCámaras, operadora galega de tecnoloxías aéreas de filmación con sedes en San Cibrao, Lalín, Madrid e Tarifa.
Segundo informa a Tecnópole, os alumnos recibirán coñecementos xerais de lexislación, dos diferentes modelos de drons, das súas utilidades e das nocións básicas de voo, entre outros temas.
O curso impartirase nunha aula de formación e nun campo de voo habilitado para a realización de exercicios, estando os participantes asesorados polos docentes especializados. Segundo engade a Tecnópole, unha vez rematada a actividade, os alumnos terán acceso a todos os descontos de formación e equipos profesionais no caso de que queiran realizar a formación oficial de piloto de drons ou comprar un aparato profesional, así como, diferentes facilidades de pago. O obradoiro vai dirixido a “todo o público interesado en acadar unha visión global e técnica dos drons, a súa utilidade presente e futura naqueles temas como a enxeñería, a seguridade, emerxencias, sector audiovisual ou inspeccións técnicas entre outros eidos”. Tamén se encamiña a persoas iniciadas nestas tecnoloxías e orientadas ao emprego profesional de drons, tanto dende o punto de vista da xestión como do voo e a operación.

PUBLICIDADE