A Tecnópole gaña en novas empresas e en autonomía financeira

venres, 25 de marzo do 2011 Fernando Sarasketa

Interior dunha das empresas da Tecnópole de Ourense

A Tecnópole de Ourense, tamén coñecida como Parque Tecnolóxico de Galicia, vén de emitir datos ben positivos sobre a súa actividade económica, en boa medida sustentada por empresas ligadas de xeito máis ou menos directo ás novas tecnoloxías e á innovación. En termos máis concretos e segundo fan saber fontes do complexo empresarial galego, este acadou xa o 60% da autonomía financeira, grazas entre outras cousas a un incremento en 2010 dos ingresos propios con respecto ao ano anterior (á marxe da subvención corrente da Xunta). Asemade, xa dá emprazamento a cinco novas empresas.

A Tecnópole achegou estes datos na xuntanza do Consello de Administración, onde se deu a coñecer a contía total de ingresos percibida o ano pasado: 1,17 millóns de euros. Destes, informa o complexo empresarial, “924.500 euros correspóndense coa facturación por alugueres e servizos prestados e máis de 221.000 euros con proxectos realizados, o que supón un incremento do 10% respecto a 2009”. Desta maneira, engade, “o medre dos ingresos conseguidos por servizos, alugueres e proxectos non só permitiu reducir por cuarto ano consecutivo o cociente de ingresos sobre a subvención corrente, senón mesmo incrementar en catro puntos sobre 2009 o nivel de autonomía financeira”.

Polo que respecta a outro tipo de incrementos, o do número de empresas ás que dá acubillo o parque, dicir que en 2010 tamén houbo importantes incorporacións. En total, deuse o visto bo á instalación na Tecnópole de cinco novas firmas. Delas, catro estarán na incubadora principal do recinto.

· Enyiris Design Thinking Lab, que ten como obxectivo desenvolver procesos innovadores de comunicación corporativa a través de internet, as redes sociais e interfaces electrónicas.

· Consultoría de Técnicas Ambientais, que se vai dedicar á auditoría e control de calidade no aproveitamento de residuos, en inventarios medioambientais e en barreiras integrais de impermeabilización para líquidos e residuos, entre outros.

· Persal Consultoría, que ofrecerá asesoramento e formación sobre a Lei Oficial de Protección de Datos (LOPD).

· Serantes Renovables, que centrará a súa actividade no desenvolvemento, explotación, produción e venda de enerxía solar e eólica.

A maiores, o Edificio Tecnópole I dará acubillo a XEV Manufacturing, empresa de nova xeración promovida por Xero Vehículos Eléctricos e creada para levar a cabo proxectos de I+D+I relacionados coa electromobilidade.

PUBLICIDADE