A Tecnópole achega soporte ás PEME galegas para as xuntanzas do Mobile World Congress

martes, 16 de xaneiro do 2018 Redacción

A Tecnópole (Parque Tecnolóxico de Galicia) vén de informar da súa dispoñibilidade para achegar soporte ás PEME da nosa terra interesadas en manter encontros bilaterais con outras empresas ou entidades no marco do evento Mobile World Congress, que se celebra en Barcelona do 26 de febreiro ao 1 de marzo. O obxectivo da Tecnópole é dinamizar a participación galega no evento. E faino na súa condición de membro da rede Galactea Plus, o nodo español da Enterprise Europe Network.
Segundo lembra a Tecnópole, nesta edición do Mobile World Congress (o maior evento do mundo no ámbito das comunicacións móbiles) participarán máis de 2300 empresas e entidades procedentes de 208 países, amosando as últimas innovacións en dispositivos móbiles e contando cun amplo programa de relatorios no que se darán a coñecer os retos e tendencias máis relevantes para o futuro do sector.
No seu papel de co-organizador do Brokerage Event que se celebra entre os días 26 e 28 de febreiro no marco da feira, o Parque Tecnolóxico de Galicia ten acceso á listaxe de participantes e ofrece soporte ás PEME galegas para “xestionar a procura de contactos axeitados, así como para concertar reunións con eles”.
A Tecnópole tamén lembra que durante a pasada edición o evento catalán acolleu cerca de dúas mil reunións bilaterais nas que participaron 429 empresas e entidades de 43 países de todo o mundo, “o que supón un marco de oportunidade moi relevante para encontrar socios tecnolóxicos e comerciais a nivel internacional”.

PUBLICIDADE