A TVG emitirá un anuncio para formentar a responsabilidade dos menores na publicación de fotografías na Internet

mércores, 22 de xullo do 2009 Marcus Fernández

O Valedor do Pobo, Benigno López González, e o Director Xeral da Compañía de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), Alfonso Sánchez Izquierdo, asinaron hoxe un convenio de colaboración para difundir en Galicia un anuncio televisivo elaborado polo Defensor do Menor da Comunidade de Madrid, que pretende sensibilizar aos adolescentes na responsabilidade que supón colgar as súas imaxes ou gravacións na rede. O spot emitirase de xeito intensivo dende o próximo 1 de agosto, e durante mes e medio, en horarios de máxima audiencia xuvenil.
A TVG non só emitirá o anuncio da campaña Antes de colgar a túa imaxe na web, pénsao, senón que tamén elaborou a súa dobraxe ao galego, e con esta campaña buscan concienciar aos mozos no bo uso da Internet e das redes sociais, concretando na responsabilidade que supón publicar imaxes e vídeos na Rede, onde pasan a ser de todos, de xeito que logo poden facer o uso que queiran dos mesmos sen ter en conta ao seu propietario.
O anuncio amosa a unha moza que ve coma distintos descoñecidos a abordan na rúa, facéndolle comentarios que a incomodan, para descubrir ao chegar ao seu instituto que os seus compañeiros teñen imaxes dela no móbil ou impresas, o que a leva a fuxir.

PUBLICIDADE