A TVE sacará do sector das telecomunicacións o que vai perder sen publicidade

martes, 5 de maio do 2009 Fernando Sarasketa

Se as previsións se cumpren, a partir de setembro será posible ver unha serie ou un filme na televisión pública española e dun tirón. Ou sexa: sen que teñamos que recibir nos nosos miolos, por partes ou nunha única entrega, as ordes de compra que o mercado lanza en canto lle deixan. Será, se nada cambia, a fin desa vella teima de mitigar os efectos sedantes e saturantes dos anuncios con anacos de película, serie ou programa de por medio. Polo menos en TVE. Con todo, cómpre non agardar un paraíso ao noso alcance: no cen por cen das veces, o que se quita por un lado acaba poñéndose no outro. Segundo se conta na Web, a idea é compensar os ingresos deixados de percibir por esta medida cunha taxa dun 3% dos ingresos brutos de explotación por este concepto das cadeas privadas e por unha taxa dun 0,9% aos operadores de telecomunicacións.
De ir cara a diante esta medida, pendente da aprobación dun proxecto de lei antes do verán, tamén se incorporará un novo canon sobre o dominio radioeléctrico, que xa se pode ver nos Orzamentos Xerais do Estado. Ao parecer, o modelo que presenta o Goberno é unha imitación do francés, que é practicamente idéntico en cuestión de contía de taxas e de sectores designados para abonar esas taxas.
A proposta do Executivo de Zapatero, como era de agardar, está a crear todo tipo de reaccións na Rede, con especial presenza das que non se poñen nin totalmente a favor nin totalmente en contra e que se manteñen nun limbo de atenta desconfianza. Entre o que máis preocupa: que as empresas privadas que se inclúan na medida decidan elas tamén compensar o que se lles esixe en materia de taxas cunha subida de prezos en toda regra cara aos usuarios.
De feito, e como era tamén máis que previsible, a proposta presentada este luns polo Goberno non semella atopar o mellor dos recibimentos entre o sector afectado, por exemplo o das telecomunicacións, que a través do presidente da Asociación de Empresas de Tecnoloxías da Información e Comunicacións de España (AETIC), Jesús Banegas, vén de cualificar a iniciativa como un sen sentido, sobre todo polo que ten de imposición para un financiamento, o da TVE, que non é cuestión súa.

PUBLICIDADE