A Semana Galega da Filosofía converterá Pontevedra nun foco de reflexión dixital

xoves, 12 de marzo do 2020 Fernando Sarasketa

Entre o 13 e o 17 de abril, se finalmente o andazo mundial non o impide, vaise celebrar a 37 edición da Semana Galega de Filosofía. A nova entrega, que foi presentada este martes 10 pola Aula Castealo e o Concello de Pontevedra, centrarase na análise da civilización dixital e dos efectos que o espallamento das novas ferramentas tecnolóxicas ten na sociedade actual, poñendo o foco na educación e no feminismo. A nova edición foi dada a coñecer pola presidenta da Aula Castelao, Ana Regueira, e a integrante da mesma entidade, Montse Bragado, tras manter unha xuntanza co alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, para presentarlle o programa e a temática deste ano. Lores fecilitou á entidade por “estes 37 anos na vangarda do pensamento” e por levar a Pontevedra algunhas das máis destacadas personalidades do pensamento.
Aínda que desde a Aula Castelao se fará público o programa completo o vindeiro venres, Ana Regueira e Montse Bragado adiantaron a participación de dous relatores destacados. Salientaron en primeiro lugar, a participación do catedrático en Humanidades da Universidad Carlos III, Antonio Rodríguez de las Heras, que achegará unha reflexión sobre a sociedade que se está conformando por efecto das tecnoloxías e as consecuencias que está provocando en ámbitos como o educativo e os cambios que se derivan en cuestións como a estrutura e organización da linguaxe.
Pola súa banda, Montse Bragado anunciou a participación da feminista e profesora da Universidade Rey Juan Carlos, Ana de Miguel, que reflexionará sobre como a sociedade patriarcal está atravesando as novas tecnoloxías. Explicou que “ultimamente está analizando por que se están producindo relacións desiguais na xente nova cando a nosa sociedade polo menos a nivel formal se considera igualitaria, polo que está estudando que está pasando realmente e como inflúe Internet”.
As representantes da Aula Castelao aproveitaron para agradecer o apoio do Concello e lembraron que, igual que en anos anteriores, a Semana Galega de Filosofía terá lugar no Teatro Principal e tanto a entrada como a matrícula serán de balde.

PUBLICIDADE