A SEPI adquirirá preto do 10% das accións de Telefónica

martes, 19 de decembro do 2023 Redacción

Imaxe da convocatoria de prensa tras o Consello de Ministros

O Consello de Ministros acordou hoxe a adquisición de accións de Telefónica S.A. até acadar un máximo do 10% do seu capital social, que será levada a cabo pola Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI). Estamos ante a resposta á importante compra de accións da compañía por parte do grupo saudí STC, buscando así reforzar a estabilidade accionarial e preservar as capacidades estratéxicas e de esencial importancia para os intereses nacionais.
Telefónica conta cun amplo despregamento de infraestruturas de telecomunicacións que garanten a conectividade e servizos dixitais a cidadáns e empresas españolas. Tamén está presente en todas as áreas tecnolóxicas do Ministerio de Defensa e proporciona os servizos e infraestruturas de telecomunicacións da Infraestrutura Integral de Información para a Defensa en territorio nacional e en operacións militares no exterior, contando, por tanto, cun sólido posicionamento neste sector.
Do mesmo xeito, a entrada no capital da compañía vai en liña cos países do noso entorno. Alemaña posúe un 13,8% do capital de Deutsche Telekom; Francia, dispón dun 13,4% en Orange; ou Italia, que adoptou en agosto de 2023 un acordo para incrementar ata o 20% a súa participación na compañía que agrupa os activos de telefonía fixa de Telecom Italia.

PUBLICIDADE