A Rosaleira lanza tenda en liña para distribuír e vender en toda España

luns, 22 de xullo do 2013 Fernando Sarasketa

A Rosaleira, empresa galega de conversas vexetais, vén de lanzar unha tenda en liña para reforzar a súa presenza na Rede e, polo tanto, no gran mercado que ao que dá paso (en parte) a Internet. Segundo informan os responsábeis da iniciativa, máis que estender o radio de acción de vendas da compañía (un radio que xa chega até Filipinas, México, Alemaña, Reino Unido, Suíza e Andorra, entre outros países), do que se trata é de reforzar a parte do radio que nos colle máis preto xeograficamente: a parte estatal. A tenda en liña arosaleira.com, achegada en galego e en castelán, servirá para acurtar a distancia entre os internautas de toda España e a ampla gama de produtos que a empresa elabora de xeito artesanal dende finais dos anos sesenta (os seus innovadores grelos en conservan datan, de feito, de 1967).
A idea da empresa galega con esta nova andaina, alén de xuntar tradición e innovación, é pór en xogo un xeito rápido e doado de adquirirmos os seus produtos. O catálogo de seu salienta polos hábitos sans e, tamén, pola reivindicación do noso: podemos atopar no seu catálogo grelos, verzas, xudías e cogomelos ao natural; tomate ao natural, fritada e zaragallada, así como mirabeis en almíbar. A apertura da tenda en liña forma parte dun proceso de modernización posto en marcha trala súa incorporación ao proxecto empresarial do Grupo Terras Gauda, “que potenciou a internacionalización de produtos de orixe galega, como os grelos, mantendo a filosofía de elaborar conservas vexetais de alta calidade de forma artesanal que conservan todas as súas propiedades nutricionais utilizando os últimos avances en tecnoloxía”, informan dende o Grupo.

PUBLICIDADE