A Ribeira Sacra contará con 20 oficinais virtuais de información turística

mércores, 20 de xullo do 2011 Redacción

A secretaria xeral de Turismo, Carmen Pardo, e a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, asinando o convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o consorcio de Turismo da Ribeira Sacra

A Secretaría Xeral para o Turismo e o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra asinaron un convenio do que deron conta no Centro Comarcal Expolemos a secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, a delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, e o presidente do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra. A través deste acordo, a Secretaría Xeral investirá en concreto 100.000 euros na instalación dos vinte puntos de información en lugares sinalados da Ribeira Sacra, que abarcarán a totalidade dos concellos. As oficinas virtuais implican a construción dunha caseta de información, aberta as 24 horas, con conexión ADSL para acceder a toda a información turística do municipio no que se coloque e do conxunto da comarca. Tamén permitirase a descarga de balde mediante Bluetooth a un teléfono móbil ou a un GPS de última xeración toda a información relativa ás diversas rutas turísticas da Ribeira Sacra.
A instalación das oficinas virtuais de turismo comezará en breve, e deberá estar completada a principios do mes de outubro.
A Secretaría Xeral para o Turismo investirá outros 49.000 euros no desenvolvemento de campañas de promoción deste destino turístico. Pola súa banda, o Consorcio de Turismo achegará máis de 32.000 euros destinados a sufragar os gastos de persoal e correntes que orixinen a posta en marcha das actividades.

PUBLICIDADE