A Ribeira Sacra bota man das aventuras tecnolóxicas para promoverse no mundo

xoves, 31 de xaneiro do 2019 Fernando Sarasketa

Entre as moitas cousas innovadoras que as entidades públicas e privadas galegas presentaron no salón turístico FITUR houbo contribucións directamente encamiñadas a reinventar o noso xeito de facer turismo e, tamén, a imaxe tradicional que temos de determinados destinos. Un exemplo disto foi o produto presentado polo Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, da man do seu presidente, Luis Fernández Guitián. Trátase de Búskalo en Ribeira Sacra e o prognóstico e poñelo en marcha, a través dunha proba piloto, esta Semana Santa.
A ferramenta turística, que ten nos móbiles e tabletas dos usuarios a súa peza clave, é en si mesma un xogo de aventura e fuxida que, a través de tecnoloxías virtuais e de realidade aumentada, propón unha serie de desafíos e enigmas a pé de ruta e que cómpre resolver para finalmente “escapar” no tempo establecido.
O obxectivo do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra ao abeiro deste novo produto tecnolóxico é dar forma a unha oferta atractiva para todos os públicos, poñendo o foco nas familias e abranguendo todos os municipios que compoñen o territorio. Outra das finalidades é, por suposto, atraer visitantes á devandita comarca lucense-ourensá e facer que estes visitantes recunquen (fidelización) e atraian outros novos. Ademais, sinalou o Consorcio, trátase dunha ferramenta que ten potencial para servir de reclamo ao longo de todos os meses o ano.

PUBLICIDADE