A Ribeira Sacra acolle un bar-tenda automatizado

luns, 24 de outubro do 2022 S. P.

A Ribeira Sacra (O Carballo, Pantón) acolleu este venres 21 a presentación dun bar-tenda automatizado. Trátase de La Moderna, un establecemento que xorde dunha fonda transformación tecnolóxica do concepto de tenda rural (pero sen deixar o formato desprovisto da súa esencia orixinal) e que irrompe en Galicia co obxectivo primordial de “satisfacer as necesidades da poboación das aldeas e vilas pequenas e os seus visitantes, que quedaron descubertas por falta de continuidade xeracional”.
La Moderna, engaden os seus creadores, unifica o vello concepto de tenda de ultramarinos e adáptao ao século XXI utilizando as novos tecnoloxías de control e automatización, dando como resultado “un paso máis cara a un mundo rural 4.0”.
Este venres 21 acompañouse a presentación dunha demostración arredor do funcionamento do sistema de control e automatización. A cita foi no Ecolagar O Barqueiro, á beira do encoro dos Peares, complexo turístico rural que habilitou un local social utilizando a tecnoloxía de La Moderna.
O director de mercadotecnia de Ecolagar O Barqueiro, Chris Miller, explicou previamente que a orixe deste proxecto cómpre rastrexala cando os seus promotores caeron na conta “de que no ámbito rural foron pechando este tipo de establecementos”, ultramarinos tradicionais de produtos e servizos variados, diversos, que eran “como o centro das aldeas ou parroquias”. Para reinterpretar ese concepto clásico dos ultramarinos, "o que se fixo foi utilizar novas tecnoloxías, o que nos permitiu adaptar este tipo de establecemento ao século XXI", engadiu Miller.
No acto participaron Jose Antonio Losas, representante de La Moderna, Luis Ángel Martín, xestor do Ecolagar O Barqueiro e José Luis Álvarez, alcalde de Pantón.
No transcurso da cita desenvolveuse unha demostración do funcionamento do sistema de automatización realizada por Martín; “Este sistema permítenos ofrecer aos nosos hóspedes servizos de alimentación que doutra forma seríanos imposible. Ademais, ao ser aberto aos veciños, permítenos dinamizar a contorna achegando un centro de socialización que antes non había.
José Antonio Losas engadiu que “a tecnoloxía de La Moderna está pensada para que calquera persoa, con independencia da súa idade, poida utilizala sen ningún problema. Desta maneira eliminamos a barreira tecnolóxica que ás veces impide o seu uso a persoas de maior idade.
Tamén participou José Luis Álvarez, rexedor de Pantón, que se animou a usar o novo equipamento: “É tan fácil de usar que valería para os centros sociais do concello, posto que por falta de persoal non dispomos dese servizo”.

PUBLICIDADE