A Rede, mellor alternativa que o teléfono en Noitevella

xoves, 31 de decembro do 2009 Raquel Noya

Se hai uns días era unha operadora catalana a que nos aconsellaba enviar as SMS de fin de ano un minuto antes da medianoite para non colapsar as liñas, desta volta é o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio a entidade que nos fai chegar unha serie de recomendacións para que esta noite todo o mundo poida felicitarlle as festas con éxito ás persoas achegadas que teñen lonxe.
Este organismo, a través da Secretaría de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información, pretende, con esta acción, que os cidadáns e cidadás poidan dispoñer das redes en condicións óptimas, xa que, malia que as operadoras establecen “plans especiais de reforzo das liñas” nestas datas a demanda de comunicacións fai que todos os anos entre as 00:00 e as 02:00 horas do 1 de xaneiro, as redes telefónicas se saturen, polo que é primordial, aseguran, “que os cidadáns escalonen as súas chamadas”.
Daquela, para minimizar, na medida do posible, os efectos deste incremento do tráfico telefónico, o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, vén de elaborar uns consellos prácticos que permiten mellorar a dispoñibilidade do servizo telefónico durante esas horas, que son os que seguen:
- Realizar as chamadas antes das 00:00 horas para evitar a sobrecarga da rede no “momento crítico”, que vai dende as doce ata as dúas da mañá.
- Reducir a duración das chamadas (este consello podemos convertilo en “universal” para que nos sirva para todo o ano).
- Espaciar os reintentos de chamadas fallidas nun prazo razonable de tempo, deixando pasar uns minutos, e non realizar intentos de maneira sucesiva.
- Empregar a alternativa de enviar mensaxes curtas con antelación suficiente ou preestablecer no móbil mensaxes con hora de entrega diferida.
- Para as chamadas internacionais, e con motivo das diferencias horarias, axustarse ao horario de cambio de ano do país de destino.
- Felicitar por correo electrónico ou empregar as redes sociais que existen en Internet.
- Mandar mensaxes a móbiles a través de Internet.
- Comprobar que non respondemos a unha mensaxe multimedia con outra MMS, se o que pretendemos enviar como resposta é unha mensaxe de texto (SMS).
Seguindo estas recomendacións e botando man da imaxinación, é moi seguro que esta noite poidamos felicitarlle o aninovo a todos cantos queremos, aínda que, se a xente non é solidaria e as liñas finalmente se colapsan, aínda teremos un ano enteiro para felicitar o 2010 sen excusas que valgan.
Dende Código Cero, para dar exemplo (e porque non temos o crédito suficiente no móbil para felicitarlle o ano a todas as persoas que queremos), aproveitamos estas liñas para facelo: Bo Nadal e Próspero Ano 2010.

PUBLICIDADE